Asociacións de defensa ambiental da Costa da Morte critican o apoio da Xunta á xornada organizada pola Cámara Oficial Mineira sobre a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais
![]() |
| Galicia é unha das zonas con maiores desastres ambientais provocados polo sector extractivo |
Petón do Lobo, Salvemos Cabana, Cova Crea e Ouriol do Anllóns rexeitan frontalmente que a Administración galega colabore no evento organizado este martes en Santiago no Hotel Palacio del Carmen, máis cando un dos ponentes, Julio César Valle Feijóo, é o apoderado e letrado de Mineira de Corcoesto S.L., a filial da transnacional canadense Edgewater que mantén litixios xudiciais pendentes coa Xunta de Galicia.
É lamentable que o Goberno galego aproveite este tipo de eventos para intentar promocionar unha lei rexeitada pola cidadanía, e ademáis incide na temática das “garantías” da “rehabilitación” de espazos mineiros, sendo Galicia unha das zonas con maiores desastres ambientais provocados polo sector extractivo, tal e como se pode observar no cumio do Monte Neme, na contorna da antiga mina de Touro ou na zona pizarreira da Comarca de Valdeorras, lugares onde a propia administración incumpriou de xeito reiterado a normativa comunitaria sobre o deber dos Estados de restaurar os terreos das antigas explotacións mineiras.
Neste sentido, resulta chocante que non haxa fondos para restaurar grandes espazos devastados pola actividade mineira, pero sí para investir cartos públicos nunha xornada na que un dos seus ponentes está vinculado a unha empresa que mantén diferentes controversias xudiciais coa Xunta que sí lle está a custar diñeiro público a toda a cidadanía de Galicia.
A LEI 5/2017 DE FOMENTO DE IMPLANTACIÓN DE INICIATIVAS EMPRESARIAIS NON É A SOLUCIÓN, É O PROBLEMA
Doutra banda, as entidades de defensa ambiental recordan que a Lei 5/2017 supón unha serie de facilidades nunca vistas para a imposición de proxectos extractivos por todo o territorio galego, pois axilízanse as tramitacións tanto para a implantación das actividades mineiras como para o seu cesamento e desafección do solo ocupado, acúrtanse e simplifícanse os períodos de información pública e refórzase a expropiación forzosa coa utilización torticeira a prol das empresas do concepto de “utilidade pública”, dado que estas poderán incorporar á tramitación dos seus proxectos a declaración da necesidade de ocupación dos bens ou dereitos que sexan indispensables para a posta en marcha das súas iniciativas, que con carácter privado pasan a ter a efectos administrativos un maior valor que os intereses da cidadanía.
Ademáis, simplifícase a convocatoria de concursos mineiros, para axilizar a liberación dos terreos afectados por dereitos mineiros caducados. Por outra parte, a declaración de caducidade dun dereito mineiro comportará a declaración do terreo como franco e a inmediata posta a disposición das empresas interesadas, o que na práctica pode (e quere) convertir a todo o territorio galego nunha mina a gran escala, tal e como a Xunta de Alberto Núñez Feijóo tentou vender estes últimos anos coa súa fracasada campaña “Galicia é unha mina”.
(20.3.2018)
