Salvemos Cabana rexeita o uso partidista da USC por parte de altos cargos da Consellería de Industria para intentar "vender" os presuntos beneficios da Lei 5/2017
![]() |
| Protesta de agricultores contra a mina de ouro de Corcoesto |
A "Xornada sobre a Lei de Implantación de iniciativas empresariais en Galicia e atracción de investimentos e xeración de emprego na Eurorrexión Norte de Portugal-Galicia", que conta co soporte da propia Xunta, e que o venres 9 de marzo celebrouse na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, esta montada para maior gloria do Conselleiro de Economía e Industria Francisco Conde e algúns responsables do seu departamento, no que supón un novo intento de lexitimación das teses do PP, que aprobou esta norma en outubro de 2017 pola vía do rodete parlamentario, sen atender as demandas da oposición no seu conxunto e pese ao masivo rexeitamento social.
Neste sentido, este tipo de iniciativas unicamente interesan ás patronais dos sectores eólico, mineiro e forestal, pero non así á sociedade en xeral, que durante a tramitación da Lei 5/2017 mantivo unha actitude de contestación permanente cara a esta nova lei imposta polo Partido Popular.
De feito, a Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia incide dunha forma nunca antes vista na desregulación a favor dos intereses corporativos e a desprotección do territorio supoñendo de facto unha oda ao neoliberalismo máis descarnado, ao simplificar a tramitación ambiental dos proxectos industriais e reducir significativamente os prazos de información pública, o que impide a correcta avaliación dos impactos causados por este tipo de iniciativas e o debate social pertinente sobre a súa conveniencia ou non para as comunidades afectadas e pode propiciar que proxectos eólicos tan cuestionados coma o de Mouriños en Cabana ou o Pena Forcada-Catasol II en Laxe salgan adiante pasando por riba da vontade da veciñanza.
O propio texto da norma recoñece que persegue o obxectivo da axilización administrativa dentro dunha "planificación territorial definida", o que pode chegar a supoñer a conversión do territorio galego nunha sorte de gran parque industrial a costa doutros sectores económicos tradicionais como a agricultura e a gandería, que son indispensables no ámbito rural.
No actual contexto de redución das normativas de protección da natureza e o territorio, no que moitos informes ambientais saen adiante sen o rigor debido, e onde non se valoran outros parámetros que non sexan os de primar as contas de resultados das grandes empresas do sector enerxético e extractivo, esta lei terá consecuencias imprevisibles para o futuro e supoñerá unha nova volta de porca á actual situación de desastre técnico e pésima xestión que de maneira crónica sofre o medio ambiente en Galicia.
(9.3.2018)
