Desastres ambientais coma os de Touro e Valdeorras contradín a "minería responsable" defendida por Francisco Conde no Parlamento de Galicia
O Conselleiro de Industria parece vivir nun mundo paralelo alleo á realidade ao esquecer que o Defensor del Pueblo considerou ao seu departamento e por extensión á propia Xunta de Galicia como Administración "non colaboradora ou entorpecedora" no seu último informe anual.
![]() |
Efectos da actividade mineira no río Porpapego (Touro) |
Neste sentido, resulta lamentable que tanto Francisco Conde na súa intervención do mércores na Cámara galega coma o actual Director Xeral de Enerxía e Minas Bernardo Tahoces apelen reiteradamente a termos como a "minería responsable" ou a "minería sostible" cando a situación actual de falta de control sobre o sector extractivo está a deixar en evidencia a inacción de distintos departamentos da actual Administración galega.
De feito, no Anexo D do seu último informe anual, a Oficina del Defensor del Pueblo considerou á Consellería de Economía, Emprego e Industria e polo tanto á propia Xunta de Galicia, como Administración "non colaboradora ou entorpecedora" tras un terceiro requirimento de información sobre a degradación ambiental provocada pola actividade mineira en Touro, a partir dunha queixa presentada por Salvemos Cabana no ano 2014.
De igual modo, no referente á actividade mineira na Comarca de Valdeorras, o informe do Defensor afirma que "dirixíronse varias resolucións ás consellerías de Economía e Medio Ambiente da Xunta de Galicia e á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, para que avalíen os efectos sobre o medio ambiente da actividade extractiva incluídas as afeccións ao dominio público hidráulico, decidan as medidas correctoras que deban adoptarse e identifiquen o responsable da súa adopción", pero "da información recibida dedúcese que as administracións non coñecen con precisión o estado das explotacións mineiras nunha zona onde se teñen desecado canles, contaminado ríos, e realizado depósitos de residuos incontrolados".
Esta situación reflíctese tamén no informe anual da institución en 2014, onde o Defensor del Pueblo afirmou que "foi preciso lembrar ao órgano autonómico ambiental que as atribucións do órgano substantivo (a Consellería de Economía e Industria) non privan das súas ao órgano ambiental; e que este sempre é competente para preguntar ao órgano de minas, instarlle, solicitar información, mesmo denunciar actos e esixir o cumprimento das leis; en suma, compételle sempre saber e coñecer que está a ocorrer coas explotacións mineiras en Carballeda de Valdeorras (Ourense)" insistindo en que "a citada consellería aínda non informou, a pesar de habérselle requirido dúas veces".
EUFEMISMOS DA PATRONAL MINEIRA
O panorama mostrado polo Defensor del Pueblo en relación coa falta de control sobre o sector mineiro e a manifesta opacidade da Xunta demostra que os conceptos de "minería responsable" e "minería sostible" aos que reiteradamente se apela desde a Consellería de Economía e Industria non deixan de ser un mero eufemismo creado pola industria mineira en beneficio dos seus propios intereses. A xuízo da asociación pode falarse dunha "minería razoable" no referente ao aproveitamento de recursos do subsolo, pero non de "minería responsable" ou "minería sostible", máis cando se fala de actividades non perdurables no tempo, a explotación do recurso supón o seu esgotamento, e sobre todo cando o dexación de funcións pola parte administrativa é ás veces tan obvia como no caso galego, onde situacións como as de Touro, Valdeorras, Monte Neme, Triacastela ou San Finx non deixan de ser un recordatorio dos verdadeiros efectos da actividade extractiva sobre o territorio cando este tipo de actividades non se realizan co debido control das autoridades.
(26.4.2018)