A asociación presenta unha queixa na oficina do Defensor del Pueblo pola non publicación do texto do convenio de colaboración subscrito co Concello de Cabana de Bergantiños na sede electrónica do organismo provincial, en anos pasados dispoñible para consulta pública.
![]() |
| A falta de transparencia está sendo a norma en todo o referente ao Dolmen de Dombate |
Este feito, contrario a calquera normativa de transparencia, impide fiscalizar a actividade do ente provincial, coñecer como se están empregando os 60.000 euros de diñeiro público no recinto e cales están a ser os criterios de contratación das actividades desenvolvidas no centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate.
Tanto as leis de transparencia e bo goberno 19/2013, do 9 de decembro (estatal) e 1/2016 , do 18 de xaneiro (autonómica), indican que é fundamental a provisión á cidadanía de toda a información necesaria para exercer un labor de fiscalización das institucións e o seu dereito fundamental á participación pois o dereito fundamental á participación en asuntos públicos non ha de entenderse limitado ao dereito de sufraxio senón “á capacidade da cidadanía de ser un actor fundamental no seguimento, control e vixilancia da actividade dos poderes públicos”.
De feito, a normativa sinala que “os países con maiores niveis en materia de transparencia e normas de bo goberno contan con institucións máis fortes”, pois neles, “os cidadáns poden xulgar mellor e con máis criterio a capacidade dos seus responsables públicos e decidir en consecuencia”. Por iso, “permitindo unha mellor fiscalización da actividade pública contribúese á necesaria rexeneración democrática” e promóvese a eficiencia e eficacia das institucións.
Neste contexto, a non presentación ao público en todos os seus termos do convenio de colaboración entre a Deputación coruñesa e o Concello de Cabana de Bergantiños só pode entenderse como un desexo de acalar as posibles críticas por parte do servizo de Arquitectura e Patrimonio da Deputación e o deputado responsable de Contratación, Patrimonio e Equipamentos Xesús Manuel Soto Viveiro, que durante estes últimos anos foi o centro de diversas polémicas en torno ao centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate, algo que moitos veciños entenderon como un apoio inequívoco aos intereses do Partido Popular en Cabana de Bergantiños.
PETICIÓN AO DEFENSOR DEL PUEBLO
Por estes motivos, desde Salvemos Cabana enviouse a correspondente queixa á oficina do Defensor del Pueblo, en defensa da transparencia debida por parte do organismo provincial e para que o citado convenio volva ser o que sempre foi, un documento accesible que o público poida valorar, confrontar e si é o caso mesmo aprobar e difundir.
(13.5.2018)
