Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana critica a estratexia europea da USO sobre Corcoesto

Tras o coñecimento da carta de apoio á iniciativa de Edgewater enviada aos eurodeputados dende a central sindical en Galicia a principios de xuño, a plataforma considera como faltos de rigor os argumentos expostos na defensa do proxecto mineiro por parte da entidade.

En primeiro lugar, na misiva sinálase que "a mina de Corcoesto ocupará unha superficie libre de explotacións agrícolas e gandeiras", cando a carón do proxecto mineiro encóntranse algunhas das explotacións agropecuarias máis importantes, como son a granxa da Devesa de Langueirón, en Ponteceso, que con 400 vacas frisonas é a explotación máis grande da súa categoría en terras galegas, e tamén as principais zonas de cultivo agrícola de Coristanco, de especial consideración debido á produción baixo a Indicación Xeográfica Protexida da Pataca de Galicia e a variedade Kennebec, de recoñecida calidade no mercado nacional.

Igualmente, o representante de USO fai referencia, sen citalos en ningún caso, a "estudos externos", que afirman que a mina "creará máis de 1.600 empregos directos e indirectos", cifra totalmente inferida porque no proxecto presentado por Mineira de Corcoesto S.L./Edgewater soamente figuran 271 empregos, 138 directos e 133 mediante subcontratas e dos que non se indica a duración, que nalgúns casos pode ser de meses ou mesmo semanas.

Por outra parte, o plano laboral deu cabida ás máis diversas interpretacións dende o ámbito da empresa mineira e quenes a defenden, chegando a facer referencia neste último ano a cifras de 500, 750 ou mesmo "case 1.400" postos de traballo, como anunciou o Presidente da Xunta no seu momento en rolda de prensa.

Por iso, consideramos esta afirmación por parte de USO como mínimo, de irresponsable, máis cando a oposición dende as forzas sindicais maioritarias en Galicia, empezando por CC.OO. e a C.I.G., está a ser incuestionable, e os dous sindicatos agrarios maioritarios, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultoresn alertan de que as 1.452 explotacións agrarias da Bisbarra de Bergantiños que poderían verse afectadas pola mina de ouro, son o soporte de miles de empregos indirectos e do sector primario, de vital relevancia para a zona.

Finalmente, dende USO alúdese a que "hai grupos que envían a mensaxe de que o proxecto conta con pouco respaldo na área", cando a realidade é ben distinta, como veñen de demostrar as 23.146 firmas en contra do proxecto mineiro entregadas o 27 de maio tanto na Consellería de Economía e Industria como no Parlamento de Galicia, que referendan a maioritaria oposición cidadá a un proxecto evidentemente insostible a nivel social e ambiental.

(19.6.2013)