Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana lamenta a actitude puramente mercantilista do embaixador canadense na súa visita a Galicia

A Plataforma remite á embaixada do país norteamericano en España copia das 24.000 firmas recollidas contra o proxecto mineiro e considera que iniciativas como a que Edgewater Explotation Ltd. pretende levar a cabo na Comarca de Bergantiños están a prexudicar seriamente a imaxe pública de Canadá a nivel internacional.

Dende Salvemos Cabana, xa trasladamos por escrito en marzo ao Sr. John Allen a preocupación dos habitantes das zonas afectadas pola problemática asociada á mina de Corcoesto, tanto polas características da exploración mineira, que será a ceo aberto, como polo método empregado para recuperar o ouro (hidrometalurxia), que empregará a diario e segundo proxecto 1,49 toneladas métricas de cianuro de sodio, considerado segundo o anexo VIII da Directiva europea 2000/60/CE e resolucións como a P7_TA(2010)0145, como un dos principais contaminantes, que pode provocar "impactos catastróficos e irreversibles sobre a saúde humana e o medio ambiente".

Recordamos que a lista de catástrofes ambientais producidas por accidentes relacionados coa vertedura de residuos tóxicos cianurados é ampla, salpica a toda a xeografía mundial, e a propia UE recoñece polo menos 25 desastres desta índole nas últimas décadas, provocando danos de extrema gravidade sobre ríos e acuíferos, terras de cultivo e biodiversidade. No ano 2000, a rotura dunha balsa mineira en Romanía (Baia Mare) provocou a vertedura de 100.000 m³ de augas residuais cianuradas provocando unha catástrofe sen precedentes en Europa, considerado ata a data o accidente ambiental máis grave despois de Chernóbil.

Ademais, a empresa canadense Edgewater e a súa filial galega Mineira de Corcoesto S.L. non se comprometeron a suscribir un seguro de responsabilidade civil que cubra economicamente e de xeito integral os danos provocados por un desastre a grande escala polo que non está a ter en conta o Principio de Precaución establecido na Declaración de Río Sobre o Medio e o Desenvolvemento, así como no Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, adoptado en xuño de 1992 e que actualmente é unha das políticas reitoras da Unión Europea, pola que a seguridade da cidadanía sempre debe estar por encima da rendibilidade financeira e empresarial.

Lamentamos que o Sr. Allen adoptase unha actitude puramente mercantilista na súa visita a Galicia, considerando unicamente os intereses dunha empresa privada e obviando as demandas a nivel social e político realizadas a este respecto. Porque a súa tarefa como embaixador debería ser, ante todo, defender o bo nome de Canadá e os canadenses, cuxo prestixio estase a ver seriamente comprometido por un proxecto mineiro que non considerou dende o principio o clamor popular na súa contra.

(18.7.2013)