Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana pide á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural unha reforma do acceso ao Castro de Borneiro

Nova escaleira de formigón no acceso inferior ao Castro de Borneiro

A escaleira de formigón instalada a finais de 2017 na que se investiron 50.000 euros de diñeiro público, e que atravesa un tramo de bosque autóctono que da acceso ao xacemento, desfigurou completamente a esencia do que era unha paraxe singular en moi bo estado de conservación.

O investimento inicial previsto foi de 50.000 euros, dos que finalmente adxudicáronse 45.000

Resulta inconcibible que de todas as posibilidades que podían terse en conta para mellorar a accesibilidade do xacemento, os responsables da Dirección  Xeral de Patrimonio Cultural da Coruña optasen pola de menor integración coa contorna, por moito que se queira defender dende os impulsores do proxecto que a cor "gris antracita" da escalinata de formigón "difumínase" coa paisaxe.

De verdade non había alternativas mellores para facilitar a accesibilidade ao Castro de Borneiro?

Doutra banda, hai que lamentar a ausencia dunha actitude crítica por parte do alcalde do PP José  Muíño e o feito de que lle dera o visto e prace á obra sen maiores problemas, o que unha vez máis volve indicar cal é o actual plantexamento sobre a conservación e posta en valor do patrimonio cultural que atesoura Cabana.

A preservación de bens culturais coma o Castro de Borneiro vai alén da "festa" permanente na que algúns parecen terse instalado, porque un patrimonio vivo supón primar a conservación e a integración na súa contorna. Por este motivo, a asociación ven de solicitar á Dirección  Xeral de Patrimonio Cultural unha reforma do acceso inferior ao enclave que permita paliar os efectos desta mellorable intervención.

Salvemos Cabana lembrou na súa petición que o Convenio Europeo para a protección do patrimonio arqueolóxico asinado na  Valeta (Malta) en 1992 e ratificado a nivel estatal recoñece que "a necesidade de protexer o patrimonio arqueolóxico debe quedar reflectida na ordenación urbana e rural e nas políticas de desenvolvemento cultural" e que hai que asegurar "que a apertura ao público de emprazamentos arqueolóxicos, especialmente cando se requiran medidas de infraestruturas para a acollida de gran número de visitantes, non afecte negativamente o carácter arqueolóxico e científico de tales emprazamentos e da súa contorna".

(1.8.2018)