Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana rexeita o uso electoralista do Dolmen de Dombate

A asociación lamenta o uso que o alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, está a facer do centro arqueolóxico en aras de promocionar a súa imaxe pública en época preelectoral coa instauración dun premio "de quita e pon" que o rexedor popular utiliza a conveniencia para "facerse a foto" nun momento en que a súa popularidade está baixo mínimos. 
 
Dolmen de Dombate
Doutra banda, hai que rexeitar a utilización interesada que desde a autoridade municipal se fixo da visita ao monumento da pasada fin de semana do exministro de Cultura César Antonio Muñoz Molina coa entrega do suposto "premio" instaurado de maneira repentina en decembro de 2015 co único fin de que o alcalde de Cabana e o seu asesor de Cultura puidesen manter o control da xestión cultural do monumento cando se anunciou a rescisión do convenio, pero que posteriormente "desapareceu" sen deixar rastro.

Resulta lamentable que o rexedor do PP, que na última convocatoria electoral baixou 20 puntos porcentuais e a punto estivo de perder a alcaldía polo seu apoio ao proxecto da mina de ouro de  Corcoesto e ao dividir aos veciños, queira erixirse agora no "gran defensor" da cultura de Cabana cando neste mesmo ano, tal como reflexan os medios de comunicación, foi investigado xudicialmente por un presunto delito contra o Patrimonio e mostrou públicamente o seu apoio sen poñer ningunha obxección ao formigonado do acceso inferior ao Castro de  Borneiro autorizado pola Xunta de Galicia, que transformou o que era unha idílica paraxe en moi bo estado de conservación na mesma parroquia na que se atopa o Dolmen de  Dombate nunha "autoestrada de cemento" no acceso a este xacemento de época castrexa.

A MASIFICACIÓN TURÍSTICA NON É UN FUTURO PARA  DOMBATE

Como xa se comentou de xeito reiterado, mesmo a nivel parlamentario, urxe unha xestión profesional do Dolmen de  Dombate e unha renovación profunda dos plantexamentos dos servizos de Cultura e Patrimonio da Deputación coruñesa, actual propietaria deste Ben de Interese Cultural (BIC), pois aínda que Dombate debería ser unha referencia en Galicia, non o consegue en absoluto debido ao obxectivo autoimposto de "cantos máis visitantes mellor" e a saturación de eventos, pasando por alto que os mellores centros arqueolóxicos do continente priman sempre a calidade fronte á cantidade, e consideran como un valor fundamental, fronte á vulgarización ou as actividades de masas, a  contextualización adecuada do patrimonio cultural.
 
(1.11.2018)