Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana volve reclamar que o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate sexa utilizado exclusivamente como un recinto de divulgación e estudo da prehistoria

A entidade pídelle á Deputación da Coruña que inste ao Concello de Cabana de Bergantiños a derivar os eventos musicais que nada teñen que ver co contexto museístico da instalación ao auditorio municipal habilitado para tal fin.    

Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate

En datas recentes organizouse no recinto unha clase infantil de música de corda, actividade que sen dúbida tería que celebrarse, por acústica e condicións, no magnífico auditorio co que conta Cabana de Bergantiños, non nun centro de estudo e interpretación da prehistoria.

Por desgraza este tipo de utilización do espazo impulsada polo alcalde de Cabana José Muíño Domínguez (PP) que inclúe, entre as máis variadas actividades, a celebración de clases musicais, concertos ou feiras de artesanía, conseguiu desvirtuar o sentido que o Centro Arqueolóxico do Dolmen de  Dombate debería ser.

Como recinto de titularidade pública pertencente á Deputación da Coruña como entidade  financiadora, o Centro Arqueolóxico do Dolmen de  Dombate tería que estar estritamente vinculado ao monumento que acolle e á súa época, constituíndo un referente no estudo e investigación do período neolítico, no convertido nunha aula de música ou feira de mostras dado que o municipio conta con instalacións máis adecuadas para estas finalidades.

Desde un punto de vista cultural, o Centro Arqueolóxico de  Dombate debería ter dous ámbitos de actuación. Dunha banda, a presentación e  introdución do visitante no  ámbito da prehistoria e a cultura  megalítica. Doutra, a difusión e posta en valor de maneira permanente do contexto  neolítico que rodea ao monumento e das diferentes campañas de escavación.

Lamentablemente, o ineficiente control por parte da área de Cultura da Deputación coruñesa derivou nunha situación na que o Dolmen de  Dombate rematou por converterse nun recinto ideal para a celebración de actividades extraescolares e/ou feirais de calquera tipo máis que nun centro de referencia a nivel arqueolóxico.

(16.4.2019)