Saltar ao contido principal

A instalación do parque eólico Mouriños lévase por diante un dos penedos máis singulares da Costa da Morte

O Penedo do Castelo antes da súa desaparición
A utilización de explosivos nas obras de acondicionamento da base do segundo aeroxerador do proxecto de  Naturgy na Serra  do  Gontón, entre as localidades coruñesas de Cabana de Bergantiños e Zas, fixeron desaparecer para sempre o coñecido como "Penedo  do Castelo", unha singular formación granítica próxima á área arqueolóxica catalogada do Castelo de  Borneiro.

A isto quedou reducido o Penedo do Castelo. Os anacos poden atoparse a ducias de metros
Salvemos Cabana puxo estes feitos en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o Instituto de Estudos do Territorio, dado que segundo está publicado na Declaración de Impacto Ambiental (DIA) emitida pola Consellería de Medio Ambiente "se os afloramentos rochosos existentes na zona tiveran interese xeomorfolóxico ou paisaxístico deberán ser respectados, sen que se vexan afectados polas obras".

Os fragmentos rochosos de maiores dimensións recordan a paisaxe que nunca volverá a ser
O texto tamén sinala que "se durante o desenvolvemento dos traballos de execución ou explotación aparecesen afeccións ao medio natural non contempladas, se paralicen as actuacións e informen de maneira inmediata ao Servizo de Conservación da Natureza para a avaliación e tratamento destas afeccións". e que " logo de finalizar a vida útil do parque eólico, ou ben no caso de que quedase definitivamente fóra de servizo por calquera causa, ao longo da fase de abandono levaranse a cabo todas as actuacións necesarias para desmantelalo e recuperar a situación preoperacional da zona ocupada pola instalación", algo que xa resulta de todo imposible polas voaduras efectuadas con explosivos na área e que fixeron desaparecer esta formación xeolóxica.

Localización do Penedo do Castelo preto da área arqueolóxica do Castelo de Borneiro
Ante de indefensión xerada a nivel público por estes feitos, presentouse igualmente unha queixa na oficina do Defensor del Pueblo pola situación permitida pola Xunta de Galicia, que dentro do seu ámbito competencial e a través da prevención e adecuada planificación, debe impedir a calquera prezo a deterioración paisaxística e ambiental.

OS  PENEDOS SON PARTE DA ESENCIA DA PAISAXE GALEGA

Por definición, os  penedos son pedras de gran tamaño que sobresaen sobre o terreo e son parte da esencia da paisaxe galega. En países como Portugal están mesmo protexidos por Lei pola súa singularidade e atractivo en lugares como o Parque Nacional da Peneda-Gerês.

Vista xeral do Penedo do Castelo antes das obras do parque eólico 

Detalle dun dos extremos da formación rochosa
O Penedo  do Castelo, formación  granítica situada nas inmediacións da área arqueolóxica catalogada do "Castelo de  Borneiro" (Código  GA15014003) e sobre a que nunca chegou a estudarse en profundidade a presenza de petróglifos ou doutro tipo de vestixios de interacción humana, será soamente un recordo dunha zona que por dereito propio hai moitos anos que tería que formar parte da da Rede Natura 2000, un instrumento de protección de paisaxe e biodiversidade que debido ás políticas do PP en Galicia apenas ocupa un 12% do territorio fronte ao 27% de media a nivel estatal.

(23.6.2019)