A dramática situación do Monte Neme e os riscos para a seguridade e a saúde pública pola falta de control administrativo confirman a falacia da "minería sostible" en Galicia
Seis anos despois do accidente que provocou unha vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre as parroquias de Razo da Costa (Carballo) e Aviño (Malpica), a Dirección Xeral de Enerxía e Minas dirixida por Ángel Bernardo Tahoces segue sen poñer unha solución efectiva a un problema que pode rematar provocando graves consecuencias, como se demostrou recentemente logo da irresponsabilidade cometida por varios "instagrammers", que sufriron problemas de saúde por bañarse nalgunhas das balsas do complexo.
![]() |
Balsas mineiras na zona de explotación de áridos do Monte Neme |
Resulta chocante a reiterada apelación por parte do actual Goberno da Xunta e a Cámara Oficial Mineira de Galicia a conceptos como a "minaría sostible" e a "minaría responsable" mentres no cume do Monte Neme, en parte desaparecido pola actividade extractiva primeiro de wolframio e logo de áridos, a situación tórnase dramática nalgúns puntos pola inexistencia dun perímetro de seguridade tanto en balsas como en taludes, que nalgúns casos caen a pico decenas de metros.
![]() |
Taludes verticais na área da antigua explotación de wolframio do Monte Neme |
UNHA SITUACIÓN INSOSTIBLE
Tendo en conta a normativa, a realidade é que no Monte Neme incumpriuse a lexislación que sería aplicable, pois a Lei 3/2008, de Ordenación da Minaría de Galicia, estipula que corresponde á Xunta verificar o cumprimento da normativa en calquera tipo de actividade mineira (art. 46) e que os funcionarios establecidos para tal fin poderán practicar "todas as dilixencias e requirir a información e documentación necesarias para comprobar que se cumpren as disposicións legais e regulamentarias" (art.47).
Así mesmo, recóllese nos capítulos II e III un réxime sancionador que establece competencias, procedementos e no seu caso, toma de "cantas medidas cautelares resulten necesarias" pola vía de urxencia (art.53), o que inclúe tanto medidas de seguridade ou control "que impidan a continuidade na produción do dano".
A Directiva 2006/21/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, sobre a xestión dos residuos das industrias extractivas establece medidas, procedementos e orientacións para previr ou reducir na medida do posible os efectos adversos sobre o medio ambiente, a biodiversidade e os riscos para a saúde humana, sinalando de maneira taxativa que "é necesario que os Estados membros garantan que as autoridades competentes organicen un sistema eficaz de inspeccións ou medidas de control equivalentes respecto a as instalacións de residuos das industrias extractivas", algo que no Monte Neme nin se tivo en conta historicamente durante as súas distintas épocas de explotación, nin se está a ter en conta na actual fase de abandono cun plan de restauración claramente incompleto que non remata de levarse a cabo.
Na mesma liña, a Directiva Europea 2004/35/CE, de Responsabilidade Ambiental, establece un marco de actuación co fin de previr e reparar os danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos que tamén supoñan un risco importante para a saúde humana.
Finalmente, o denominado Principio de Cautela ou de Precaución, mencionado no artigo 191 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, é un dos piares reitores da actuación política na UE e pretende garantir un nivel de protección do medio ambiente, a saúde humana e a biodiversidade con tomas de decisión preventivas en caso de risco o que, conforme á situación existente a día de hoxe no Monte Neme, parece non terse moi conta por parte da actual Administración galega.
(7.7.2019)