Saltar ao contido principal

A Xunta de Galicia debe restaurar de maneira subsidiaria os cursos fluviais afectados polos antigos labores mineiros de Touro

A Asociación Salvemos Cabana, que puntualmente presentou alegacións, felicítase pola decisión da Xunta de non autorizar o proxecto de reapertura da mina de cobre de Touro, pero lembra que a situación actual dos cursos fluviais da zona é incompatible coa actual lexislación europea en materia de protección de augas e que un Goberno responsable ten que velar, ante todo, pola protección da saúde humana e o medio ambiente.

Contaminación mineira no río Portapego ao seu paso pola localidade de Touro

Salvemos Cabana remitiu xa este caso á Oficina do Defensor del Pueblo no ano 2013 polas súas similitudes co proxecto aurífero a ceo aberto Corcoesto dado que a mina de Touro, de máis de 600 hectáreas de extensión, foi explotada no período 1974-1988 para a extracción de cobre, aínda que tamén se obtiveron pequenas cantidades de ouro a partir do concentrado.

Dito proxecto foi operado a ceo aberto sen ningún tipo de restauración posterior e logo do seu abandono nos anos 80 non existiu un control significativo por parte das autoridades da Xunta de Galicia, o que derivou na  oxidación dos sulfuros metálicos presentes no mineral en contacto cos elementos e a extrema acidificación das augas de drenaxe, xerando un problema de salubridade ambiental e un risco evidente para as poboacións limítrofes.

Tras unha investigación desenvolvida en profundidade polo Alto Comisionado, o Defensor del Pueblo incluíu á Consellería de Economía e Industria, e polo tanto ao actual Executivo da Xunta de Galicia, dentro das administracións "non colaboradoras ou  entorpecedoras", tal como figura no Anexo D do seu informe do ano 2017, o que na práctica demostrou o pouco interese do Goberno galego en poñer unha solución efectiva ao problema.

A SITUACIÓN ACTUAL EN TOURO NON É COMPATIBLE COA PROTECCIÓN DA SAÚDE HUMANA E OS ECOSISTEMAS

A cancelación do proxecto de reapertura da mina de cobre de Touro debe servir de punto de partida para que a Xunta de Galicia deixe de eludir dunha vez por todas os problemas de seguridade e restauración provocados pola actividade mineira en Touro e dea cumprimento á normativa que a nivel europeo aposta pola protección dos recursos hídricos e os ecosistemas asociados.

Así, a Directiva 2000/60/CE, do Parlamento Europeo e o Consello, pola que se establece un marco comunitario de actuación no ámbito de política de augas busca previr "todo deterioración adicional" protexendo e mellorando o estado dos ecosistemas acuáticos, tomando cantas medidas sexan pertinentes para garantir a redución progresiva da contaminación evitanto novos casos en augas superficiais ou subterráneas.

Tendo en cuenta estas consideracións, o Executivo galego ten agora a oportunidade de demostrar en Touro a súa aposta polo interese común exercendo unha responsabilidade institucional que aínda que chega con moito atraso o fai no momento preciso para dar un cambio de rumbo á súa política mineira, que estes últimos anos uniu na súa contra a colectivos, persoas e entidades de toda Galicia.

(29.1.2020)