Saltar ao contido principal

A cidadanía galega ten que asumir o custo da ineficacia da Xunta na explotación mineira do Monte Neme

Fenda no perímetro de seguridade recén instalado pola Consellería de Industria
Logo de investir 147.168 euros públicos no valado e identificación da área das dúas balsas do complexo nas que o pasado verán algunhas persoas supostamente sufriron diversos problemas de saúde, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas segue sen garantir a seguridade desde complexo extractivo abandoado situado entre as localidades coruñesas de Carballo e Malpica de Bergantiños.

A entrada ao complexo mineiro da canteira de áridos ten uns 200 metros sen nengunha clase de protección
De feito, o peche perimetral da canteira de áridos, que actualmente alcanza 1,5 qm., está incompleto nuns 200 metros á entrada das instalacións e o valado violentouse xa en varios puntos, polo que de novo as fins de semana a zona volveu a transformarse nun rosario de curiosos (e mesmo familias) que se achegan a algúns dos lugares de maior perigo desta zona mineira, dado que a Xunta non previu a necesidade de vixiar de maneira permanente o recinto, como sí é a norma noutras concesións mineiras de titularidade privada.

As balsas mineiras son un perigo constante no Monte Neme
Ao pago efectuado pola Xunta de maneira subsidiaria para a instalación do valado, e que difícilmente cobrarase pola Administración galega logo da disolución xudicial da empresa Leitosa, concesionaria da explotación, hai que sumar os máis de 140.000 euros de gastos ocasonados tras a rotura dunha das balsas mineiras da canteira, que en febreiro do ano 2014 provocou un aluvión de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos sobre as localidades de Aviño (Malpica de Bergantiños) e Razo da Costa (Carballo), arrasou unha das ladeiras do monte e estivo a piques de causar un drama humano.

A maiores, ademáis, está o plan de restauración aprobado pola Xunta que non remata de levarse a cabo e que cuantificouse nuns 794.000 euros, o que fai que a cifra total, sumando todos os conceptos, supere ampliamente o millón de euros, custo que todo indica que terá que ser finalmente asumido pola cidadanía galega pola falta de control administrativo no Monte Neme.

A ANTIGA MINA DE WOLFRAMIO, UN FACTOR DE RISCO A TER EN CONTA

Doutra banda hai que lembrar, tal e como veñen alertando dende hai anos a Asociación Salvemos Cabana e outras entidades, que a problemática xerada pola minería a gran escala no Monte Neme non só se circunscribe á zona da canteira de áridos explotada por Leitosa, senón que segue plenamente vixente na antiga explotación metalífera de wolframio e estaño, minerais cuxa explotación comenzou cara 1915.

Cembas na antiga mina de wolframio e estaño do Monte Neme
A realidade é que nestoutra área do monte, situada nas inmediacións do cumio non existe nen sinalización nen valado perimetral algún e o risco de accidente é unha constante tanto pola altura das cembas como polo lamentable estado das balsas (*).

(*) Tendo en conta a zona de canteira e a antiga mina de wolframio/estaño en todo o complexo existen 4 balsas permanentes de grandes dimensións e 3 de carácter estacional.

MINERÍA RESPONSABLE? MINERÍA SOSTIBLE?

A actual situación do Monte Neme deixa en evidencia que a falta de control das administracións sobre os proxectos industriais pode derivar en situacións indesexadas a nivel de saúde pública para as persoas e o medio ambiente. Por todo iso, resulta lamentable que teña que ser a sociedade civil a que exerza a tarefa de fiscalización que en ocasións os representantes políticos, por inoperancia ou descoñecemento da función para a que foron elixidos, non son capaces de levar a cabo.

Dende esta perspectiva falar de termos como "minería responsable" ou "minería sostible" tendo en conta situacións ambientais coma as orixinadas pola actividad extractiva no Monte Neme, a mina de cobre de Touro ou as louseiras de Valdeorras, non deixan de ser unha falacia e unha quimera inalcanzable que o único que encerra, verdadeiramente, é a privatización (e maximización) do beneficio privado á conta da socialización das perdas.

(1.3.2020)