Saltar ao contido principal

Nova vitoria xurídica contra a mina de ouro de Corcoesto

A Asociación Salvemos Cabana celebra a nova decisión dos tribunais de arbitraxe no que supón un revés prácticamente definitivo para os plans da mineira canadense Edgewater Exploration Ltd. na parroquia cabanesa. 

Antigo cartel de exploración mineira na parroquia de Corcoesto (Cabana de Bergantiños)

Segundo o comunicado emitido por Edgewater o pasado 14 de abril, despois dunha audiencia en París en 2018, España gañou o proceso de arbitraxe internacional que a subsidiaria de propiedade total da compañía, Corcoesto S.A., comezara en 2016 amparándose no tratado bilaterial de investimentos España-Panamá baixo a regulamentación da Comisión de Nacións Unidas para o Dereito Mercantil Internacional ( CNUDMI).

Así, o tribunal de arbitraxe confirmou, dous contra un, unha das objecciones presentadas por España desestimando finalmente a reclamación da mineira. Hai que lembrar, ademais, que en 2018, a Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) xa avalou a decisión da Xunta de paralizar o proxecto baseándose na carencia de solvencia técnica e financeira do mesmo, e que, en marzo de 2019, foi o Tribunal Supremo quen apoiou esta decisión.

Aínda que susceptible de recurso, na práctica, a decisión do tribunal de arbitraxe enterra de maneira case definitiva e por moito tempo un proxecto que nunca debeu plantexarse nin moito menos apoiarse polo Goberno galego e que os intereses particulares do alcalde de Cabana, José Muíño Domínguez (PP), non prevaleceron en ningún caso fronte ao sentido común e a saúde das veciñas e veciños do municipio, sendo este o maior dos seus fracasos.

OITO ANOS DE LOITA CONTRA O PROXECTO MINEIRO DE  CORCOESTO

En 2012, Salvemos Cabana opúxose ao desenvolvemento do proxecto mineiro chegando a recoller casi 24.000 sinaturas contra o mesmo ao considerar que era ambiental ambiental e socialmente insostible e desde a Xunta non se tivo en conta a opinión de entidades e especialistas, que vían a actividade extractiva na parroquia de  Corcoesto -a máis pequena  poblacionalmente das dez que integran o concello-, como non compatible coa protección do tecido produtivo e os valores naturais a conservar.

Neste sentido, preocupou desde o principio a posible afectación ás fontes de emprego da Costa da Morte, como son as actividades tradicionais como a agricultura, a gandería, o marisqueo e a pesca, pero tamén a outras actividades coma o turismo rural, que cada vez teñen máis puxanza na Comarca de Bergantiños.

Estaba tamén a proximidade co río Anllóns, o seu estuario e a súa área de influencia, considerado como un das mellores paisaxes de Galicia, coa presenza de zonas protexidas a nivel europeo como a Zona Especial de Conservación ( ZEC) Río Anllóns e a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte.

O maior risco do proxecto era a utilización do cianuro de sodio como reactivo na recuperación do mineral, pois o plan de traballo da empresa prevía utilizar 546 toneladas anuais deste composto de alta toxicidade. Os temores víronse referendados ao descubrir que o propio Parlamento Europeo, no ano 2010, aprobara unha resolución instando os Estados á súa prohibición e a non prestar apoio "de forma directa ou indirecta, a ningún proxecto da UE no que se empreguen tecnoloxías mineiras a base de  cianuro ata que sexa aplicable a prohibición xeral, nin se apoien proxecto desas  caracterísitcas en terceiros países", considerando, textualmente, que esta substancia "está considerada coma un dos principais contaminantes e pode ter un impacto catastrófico e irreversible na saúde humana e o medio ambiente e, polo tanto, na diversidade biolóxica".

As peores sospeitas sobre o perigo que entrañan este tipo de proxectos confirmáronse cando a mina asturiana que foi elixida de "modelo" para mostrar as bondades da minería do ouro a un grupo de veciños e veciñas da comarca de Bergantiños, a de Belmonte de Miranda, recibiu no ano 2014 senllas sancións de 84.000 e 242.920 euros por parte da Confederación Hidrográfica do Cantábrico por diversas verteduras tóxicas de elementos como selenio,  arsénico, fluoruros, zinc, níquel, cobre e, por suposto cianuro, provocando un grave problema ambiental na conca do río Narcea.

Tendo en cuenta todos estes factores, sen dúbida a Administración galega tomou a decisión máis axeitada ao cancelar o proxecto de  Corcoesto pero a día de hoxe custa entender como, ao principio do mesmo, a Xunta pareceu pasar por alto o denominado Principio de Cautela ou Precaución, mencionado no artigo 191 do  Tratato de Funcionamento da Unión Europea, que é un dos piares do que debería ser a acción política a nivel comunitario e pretende garantir un nivel de protección do medio ambiente, a saúde humana e a biodiversidade grazas ás tomas de decisión preventivas cando o risco é evidente.

AGRADECEMENTO

Finalmente, e tal como xa fixo constar en outubro de 2013 logo do anuncio de cancelación do proxecto, a Asociación Salvemos Cabana desexa agradecer a colaboración de todas aquelas persoas, entidades e institucións que fixeron posible que, a día de hoxe, a reapertura da mina de ouro de  Corcoesto non sexa unha realidade.

(27.4.2020)