Saltar ao contido principal

A realización de concertos con público no pavillón do Dolmen de Dombate pon en risco a conservación das pinturas neolíticas do monumento

O cuestionable plantexamento do alcalde de Cabana de Bergantiños e a permisividade do servizo de Patrimonio da Deputación rematou por converter o recinto nun mero salón parroquial, algo que afecta negativamente á percepción e ao contexto do sitio arqueolóxico.

Sitio arqueolóxico do Dolmen de Dombate
Deste xeito, o ciclo "Música na catedral", previsto ata finais de agosto, celebrarse co auditorio de Cabana de Bergantiños completamente valeiro mentres segundo ven de informar o concello utilizarase o pavillón que acolle o Dolmen de Dombate para realizar concertos con público, algo máis chamativo se cabe nunha época de rebrote da pandemia do coronavirus.

Modelo informático das pinturas do ortostato C1
Preocupa, en calquera caso, a afectación negativa que a realización deste tipo de eventos poida ter sobre as pinturas de época neolítica que atesoura o monumento, moi sensibles aos cambios ambientais e cuxa conservación debería ser unha prioridade para o organismo provincial, alén do desmesurado circo turístico e mediático imposto a nivel municipal nos últimos anos.

Diferentes expertos alertaron, ademáis, que o recinto, per se, non é o mais axeitado para a conservación das pinturas e non deixa de ser un custoso andamio, pois o ineficiente deseño do edificio, que non permite unha climatización axeitada, provocou que o corte estratigráfico do megalito esté, literalmente, pintado de verde ao ter sido atacado polos fungos e a humidade, razón que fai que sea desaconsellable a realización de actividades con público no pavillón do megalito.

A NIVEL DE CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO, A VECES MENOS É MAIS

Como xa ven sinalando a Asociación Salvemos Cabana dende o ano 2015, o Dolmen de Dombate e o seu centro arqueolóxico, dende o punto de vista cultural, deberían ter dous ámbitos de actuación. Dunha banda, a presentación e introdución do visitante no ámbito da prehistoria e a cultura megalítica, e, por outro, a difusión e posta en valor permanente tanto do contexto neolítico que rodea ao monumento como da importancia da súa conservación. Por desgraza, algo que non parece encaixar en absoluto cos plantexamentos de José Muíño Domínguez (PP), alcalde de Cabana, nin é entendido como debería por parte dos servizos de Patrimonio e Cultura da Deputación, que seguen a permitir calquera tipo de actividade imaxinable no recinto, teña ou non que ver co contexto arqueolóxico.

A PROFESIONALIZACIÓN DO DOLMEN DE DOMBATE É UNHA NECESIDADE

É necesario reiterar, ademáis, que a mellor solución, tal como agora comeza a asumir a propia Deputación coruñesa e xa se fixo constar en sede parlamentaria no 2016, pasa polo control do centro e que o seu plan de actividades sexa asumido, en primeira instancia, pola Xunta de Galicia, e a continuación pase a ser xestionado por un equipo profesional que centre o carácter do monumento ao que debería ser: unha instalación museística de referencia guiada por criterios arqueolóxicos, tanto nas visitas como no desenvolvemento de eventos.

(18.7.2020)