Saltar ao contido principal

En defensa da montaña máis alta de Galicia: Salvemos Cabana rexeita a instalación do parque eólico Prada na contorna natural da Serra do Eixe e Pena Trevinca

A asociación apoia a campaña lanzada dende o clube alpino Montañas de Trevinca ("Salvemos Trevinca") contra os plans da empresa Desarrollos Renovables Iberia Gamma S.L., pertencente ao grupo noruego Statkarft, de implantar 31 aeroxeradores de gran porte na zona cunha potencia total instalada superior aos 170 MW, nun inasumible percorrido por zonas elevadas que supera os 30 quilómetros de lonxitude.

O macizo de Pena Trevinca destaca pola calidade da súa contorna natural / Foto: Asociación Salvemos Cabana 
Localizado no suroeste provincial de Ourense, o macizo de Pena Trevinca é un espazo natural único na xeografía autonómica que abarca 25.000 hectáreas e os cumios máis altos de Galicia como Pena Trevinca, de 2.127 metros, Pena Negra (2.123) e Pena Surbía (2.122) na confluencia da Serra do Eixe, a Serra Calva e a Serra Segundeira.

Nesta contorna natural privilexiada conta, ademáis de con numerosas especies protexidas, cunha das mellores mostras das antiguas paisaxes glaciares da península, cuxo recordo consérvase en lagoas como "A lagoa da serpe" e "O Celo". Ademáis, xunto ao río San Xil, está o famoso Teixedal de Casaio, unha auténtica catedral botánica que alberga máis de 300 árbores dunha especie, o teixo (Taxus baccata), que pode chegar a superar os 3.000 anos de idade e que na antigüidade era considerado como sagrado polos pobos celtas.

O teixedal de Casaio é unha xoia da biodiversidade europea / Foto: www.turismo.gal

Como entidade de defensa ambiental, Salvemos Cabana considera que a afectación sobre o macizo é completamente inasumible e incluso pode chegar a prexudicar seriamente a imaxe desa "Galicia Verde" que de maneira reiterada intenta vender a propaganda institucional da Xunta ao tempo que se fomenta sen miramentos a desprotección dos espazos naturais máis valiosos ao non ampliar o seu grao de protección.

De verdade Galicia é "verde" para a Xunta?

Porque non todo vale para a implantación de enerxías alternativas como a eólica, máis cando a nivel territorial non existe unha planificación ambiciosa nin se está a priorizar o amparo das institucións fronte ao beneficio empresarial nin procesos de avaliación ambiental garantistas coa protección da paisaxe e a biodiversidade. Deste xeito, a implantación das mal chamadas "renovables" estase a producir sen un diseño coherente e tan só contribúe a acelerar o despoboamento do mundo rural, que é a verdadeira esencia de Galicia.

(30.3.2021)