Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana celebra que o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate sexa utilizado para o fin para o que foi concibido

Tras anos de loita contra a desvirtuación do recinto como centro museístico de estudo e divulgación da prehistoria e conseguir logros importantes coma o control das pinturas que atesoura o monumento ou a limitación de visitas logo das súas reiteradas solicitudes ao organismo provincial, a asociación considera fundamental que, dunha vez por todas, a instalación pase a mans dun equipo independente e profesional que poida poñer en valor o monumento.


Instalacións do centro arqueolóxico
A entidade considera que os xornadas divulgativas "A luz da Ciencia" son un avance na boa dirección, aínda que é necesario consolidar unha serie de actuacións dende a Deputación da Coruña que permitan converter esta esta instalación no que debería ser, un centro arqueolóxico de referencia non suxeito a intereses políticos ou partidistas.

Por desgraza, dende a musealización do recinto e a construción e preparación do complexo que rodea ao monumento, ata a data foi utilizado para calquera tipo de actividade imaxinable. Así, víronse desfilar pola instalación dende xornadas de cociña ata exposicións de calceta, venda de cestos, actividades de circo e case calquera actividade imaxinable,  descontextualizando totalmente o carácter arqueolóxico do monumento.

O caso chegou a tal punto que mesmo o deputado provincial do BNG que lle deu ao PP o control do monumento, Xesús Manuel Soto Vivero, chegou a denunciar pouco despois o "uso partidista" do mesmo pola utilización que José Muíño Domínguez, alcalde de Cabana de Bergantiños, fixo da instalación para o concurso de ideas "Autovía Costa da Morte. Camiño de Futuro", do que a Deputación, como propietaria do ben arqueolóxico, non tiña coñecemento ningún e que rematou por converterse nun acto de propaganda do Partido Popular chegando mesmo ao pleno da Deputación a través dunha pregunta de Compostela Aberta.

Ese mesmo ano (2016), a cuestionable xestión cultural do Dolmen levada a cabo polo Concello de Cabana chegou tamén ao Parlamento de Galicia a través dunha Proposición non de Lei defendida polo deputado Xabier Ron onde se solicitaba que diante da situación de descontrol existente, a propia Xunta de Galicia se fixese cargo do control do monumento, proposta que chegou a ser avalada en medios de comunicación polo vicepresidente da Deputación coruñesa Xosé Regueira Varela.

Xabier Ron afirmou entón en sede parlamentaria que "hai evidencias" de que os convenios que actualmente artella a Deputación Provincial co Concello de Cabana de Bergantiños "non son os máis apropiados" e puxo como exemplo os danos na réplica do  megalito ou  neodolmen, na que se investiron máis de 83.000 euros en 2012 e ante a falta de control municipal sufriu unha grave deterioración "inadmisible si se fixera de maneira apropiada a supervisión das visitas", apuntando que o consistorio "non xestionou ben o centro e da forma máis respectuosa co patrimonio cultural", incumprindo desta forma o convenio de protección do monumento asinado coa Deputación coruñesa.

Por iso, valorou o deputado, "un Ben de Interese Cultural de incomparable beleza patrimonial como é o Dolmen de Dombate debe pertencer á Xunta de Galicia quen, a través da súa Dirección  Xeral de Patrimonio Cultural, debe salvagardar, protexer e velar pola integridade do patrimonio cultural galego".

(26.3.2021)