Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana presenta alegacións ao documento ambiental de inicio do parque eólico Monte Chan polos seus impactos negativos sobre a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba

A asociación considera incompatible a implantación do proxecto de EDP Renovables co Convenio Europeo da Paisaxe e coa protección de espazos amparados pola Rede Natura como son a Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte, que se atopan a menos dun quilómetro das infraestruturas propostas.

Penedos de Pasarela e Traba (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

Dous dos aeroxeradores dos nove que integran o parque éolico pretenden instalarse, además, na contorna da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba (entre as localidades de Laxe e Vimianzo), situada na contorna dunha das áreas xeomorfolóxicas de maior interesese de Galicia pola singularidade das súas formacións graníticas. Neste senso, o aeroxerador número 8 (CHN-8) inclúese dentro da área e o número 9 (CHN-9) atópase a tan só 90 metros de distancia. Doutra banda, e tal como figura na documentación aportada pola empresa, varias infraestruturas do proxecto encóntranse a menos de 1.000 metros de distancia de áreas pertencentes á Rede Natura, como son o aeroxerador número 7 (CHN-7), a 940 metros e a torre meteorolóxica, a 685.

Se ben o proxecto inclúese dentro da Área de Desenvolvemento Eólico de galicia "Pena Forcada" (OT-02-25) recollida no Plan Eólico de Galicia tendo en conta a altura dos aeroxeradores (200 metros de altura en punta) e a dimensión das súas infraestruturas asociadas (pistas, gabias, canalizacións, torre meteorolóxica, subestación eléctrica) o proxecto tórnase de todo insostible a nivel ambiental e paisaxístico pola súa afectación negativa sobre as unidades paisaxísticas delimitadas no Plan de Ordenación do Litoral (POL) baixo as denominacións de "Traba", "Val de Soesto" e "Penedos de Pasarela".

UNHA PISAXE SINGULAR QUE MERECE SER PROTEXIDA PARA AS XERACIÓNS FUTURAS

Os Penedos de Traba e Pasarela crean un perfil dentado recoñecible a gran distancia, que tradicionalmente foi recoñecido polo imaxinario popular con innumerables topónimos como O Castelo, Petón do Marchiño, Pena Cantadora, A Escachadiña, Pena da Aguia, Pena Tellada, Pena Orelluda, Rascalobos, Pena dos Mouros, Torre da Moa, tras da Aguieira, Galla da Pena Foracada, A Cachucha ou Pedra Grande da Barca. 

FUTURA AMPLIACIÓN DA REDE NATURA 

Doutra banda, a área afectada polo proxecto eólico é susceptible de formar parte da futura ampliación da Rede Natura en Galicia, déficit que a nivel territorial recoñeceu ata a propia Comisión Europea, pois a contribución do territorio galego neste sentido segue a ser unha das máis baixas a nivel estatal e da UE, con tan só un 11,74% de superficie protexida.

INCOMPATIBILIDADE DO PROXECTO CO CONVENIO EUROPEO DA PAISAXE

Finalmente, está a clara incompatibilidade do parque eólico neste emprazamento co Convenio Europeo da Paisaxe, aprobado no ano 2000 e ratificado polo Estado español en 2008, que entende como fundamentais todas aquelas accións "encamiñadas a conservar e manter os aspectos significativos ou característicos dunha paisaxe" e que as administracións públicas -incluídas a autonómica galega-, terán que velar pola conservación dos seus valores naturais, estéticos e culturais, tendo como obxectivo principal a preservación da súa singularidade e da interacción armónica entre natureza e dimensión cultural.

 (14.3.2021)