Saltar ao contido principal

Parque eólico O Cerqueiral: A burbulla especulativa das renovables ameaza con sepultar as aldeas baixo un mar de aeroxeradores e tendidos eléctricos

Se a Xunta de Galicia chega a dar luz verde ao proxecto de Greenalia Wind Power varios núcleos rurais de tres concellos terán que convivir nunha área de 5 quilómetros con outros sete parques eólicos, conformando unha tea de araña de pistas de acceso e infraestruturas asociadas que supoñerán un evidente prexuizo a nivel social e ambiental para as poboacións directamente implicadas nas comarcas coruñesas de Bergantiños e Xallas.

O territorio visto únicamente como negocio dentro da burbulla especulativa das renovables
Segundo se desprende da análise da documentación do proxecto do parque eólico O Cerqueiral, que pretende instalar 6 aeroxeradores de 178,5 metros de altura en punta e 4,5 MW de potencia nonimal unitaria entre as localidades de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Santa Comba, estes terán que compartir espacio con outros 53 aeroxeradores de varias compañías nunha área territorial moi reducida, o que pode orixinar fortes impactos sinérxicos e acumulativos para as aldeas afectadas.

Así, nun radio de tan só 5 quilómetros atópanse xa en funcionamento ou en proceso de tramitación os parques eólicos Silvarredonda (Naturgy), Fontesilva I e II (EDP Renovables), Zas- Meda (Desenvolvementos Eólicos de Galicia S.A.), Campelo e Monte Toural (Greenalia) e Barilongo (Engasa).

Onde queda o interés veciñal do rural galego fronte aos parques eólicos? / Foto: Asociación Salvemos Cabana

Esta inundación de parques eólicos permitida pola Xunta primando o negocio privado sobre o interés veciñal afectará sen remedio a aldeas como Padrín, O Rueiro, A Brañeira, Couso, Esternande, A Ribeira e Pereiras con imprevisibles consecuencias para os seus habitantes pois si xa de por si un único parque eólico con aeroxeradores de gran porte supoñería un problema polos moitos efectos indesexados derivados da súa implantación coma o ruído de fondo, o efecto sombra ou o impacto electromagnético, semellante invasión de turbinas eólicas e infraestruturas asociadas pode dificultar seriamente a habitabilidade de esta zona rural chegando a fomentar co tempo o seu abandono e despoboamento.

A FALACIA DA "GALICIA 98% RURAL"

Propaganda con fondos públicos da Xunta de Galicia xusto para promocionar o contrario do que se anuncia

Mentras isto sucede, resulta lamentable a utilización de fondos públicos por parte do Goberno galego en campañas de propaganda para "vender" de seguido unha "Galicia 98% rural" ou unha "Galicia Verde" e que a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez Mejuto, fale en público da "sostibilidade ambiental" dos parques eólicos mentres Galicia afronta unha avalancha de proxectos impulsada pola Xunta de imprevisibles consecuencias para o futuro e inasumibles efectos no presente ao afectar de maneira directa tanto a sectores produtivos básicos como ao recurso turístico.

A BURBULLA ESPECULATIVA DAS RENOVABLES EN GALICIA, UN PRESTIGE 3.0

A día de hoxe, Galicia afronta un novo Prestige, pero neste caso un Prestige 3.0. Primeiro foi o dramático naufraxio do petroleiro en 2002, anos despois a invasión mineira en proxectos inasumibles coma Corcoesto e, na actualidade, un aluvión eólico incontrolado froito da burbulla especulativa que vive o sector das enerxías alternativas, cun Executivo autonómico do PP que en vez de protexer desprotexe o territorio -chegando a cambiar si é preciso o corpus lexislativo-, facilita sen taxa o interés privado fronte ao interés xeral e permite unha e outra vez a afronta á mesma terra eterna "riseira, fecunda e fermosa" que con tanta paixón e empeño cantou Rosalía de Castro ao longo da súa vida.

(6.4.2021)