Saltar ao contido principal

A Costa da Morte afronta un 'Prestige 3.0': o parque eólico Soesto afecta a seis especies clave a nivel galego

A Asociación Salvemos Cabana ven de presentar alegacións ao documento ambiental de inicio dun proxecto que, aínda en apariencia pouco relevante pola potencia que pretende instalar (2 aeroxeradores, 12 MW), sí supón un problema ao valorar de maneira conxunta os efectos sinérxicos e acumulativos dos outros parques eólicos promovidos na zona pola multinacional portuguesa EDP Renovables, o Monte Chan (9 aeroxeradores, 36,2 MW) e o Pena dos Mouros (7 aeroxeradores, 35 MW).

Espazo natural protexido da lagoa e dunas de Traba, en Laxe (Foto: Asociación Salvemos Cabana)
Deste xeito, 18 aeroxeradores de gran porte (de ata 200 metros de altura en punta de pa) rodearían e afogarían, literalmente, o Espazo Natural Protexido da Lagoa e Dunas de Traba, en Laxe, amparado pola Resolución autonómica 10/01/1990, integrado na Rede Natura 2000 e recoñecido como un dos tramos costeiros máis espectaculares da Costa da Morte, formado por unha praia de case dous quilómetros de lonxitude entre a Punta de Amado e a Punta de Traba, un conxunto dunar extraordinario e unha lagoa natural de altísimo valor ecolóxico.

Ademáis, na área onde pretende desenvolverse o complexo eólico integrado nesta infraestrutura conxunta dividida artificialmente en tres proxectos, atópase a paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, amparada polo Decreto 294/2008 e directamente afectada polo parque eólico Monte Chan, recoñecidos no texto legal de "merecedores dunha protección especial" polas "características e singulares valores naturais, estéticos e culturais" que presentan.

No caso do parque eólico Soesto, como nos outros dous proxectos está, ademáis, a afectación inasumible pola cercanía do conxunto de infraestruturas proxectadas sobre a Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte e a Zona de Especial Protección para as Aves Costa da Morte Norte, que según proxecto atópanse nos seus puntos máis próximos a 335 e 875 metros respectivamente.

Hai que recordar que o emprazamento proxectado nestes parques eólicos é susceptible de formar parte da futura ampliación da Rede Natura 2000 en Galicia, medida reiteradamente solicitada polas autoridades europeas ante o significativo déficit que a nivel territorial mantén a comunidade autónoma, pois a contribución do territorio galego segue a ser unha das máis baixas a nivel estatal e da UE, con tan só un 11,74% de superficie protexida. Neste senso, en tanto en canto na Rede Natura 2000 só está permitida a repotenciación de infraestruturas eólicas existentes pero non a súa implantación, en áreas que potencialmente poden chegar a formar parte a curto/medio prazo non é razoable a súa instalación.

AFECCIÓN SOBRE ESPECIES EN PERIGO

De entre os moitos impactos negativos que se desprenden da análise da documentación presentada a información pública pola promotora do parque eólico Soesto, aves e morcegos lévanse a peor parte pois ata a propia empresa recoñece que "detectouse a potencial presencia" da tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), consideradas en estado vulnerable segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e tamén do morcego de ferradura grande (Rhinolophus ferrumequinum) e o morcego ratoneiro grande (Myotis myotis), que se atopan en idéntica circunstancia.

Doutra banda, existe unha clara interferencia cos plans de recuperacións de especies en perigo de extinción ao encontrarse o proxecto na área de distribución potencial da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) e a subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp.), amparados respectivamente polos decretos lexislativos 9/2014 e 75/2013.

Os proxectos eólicos de EDP Renovables atópanse na área de distribución potencial da píllara das dunas, en perigo de extinción / Wikimedia Commons

GALICIA AFRONTA A DÍA DE HOXE UN 'PRESTIGE 3.0'

A realidade demostra, a día de hoxe, o territorio galego afronta un novo 'Prestige', só que neste caso trátase dun 'Prestige 3.0'. Primeiro foi o dramático naufraxio do petroleiro en 2002, anos despois a invasión mineira en proxectos irracionais coma o aurífero de Corcoesto e, na actualidade, o aluvión eólico incontrolado froito da burbulla especulativa que vive o sector das enerxías renovables, actualmente impulsado grazas a un corpus lexislativo deseñado a medida para favorecer a implantación forzosa deste tipo de proxectos que, ignorando o interés xeral e a protección da paisaxe e a biodiversidade máis prezados do noroeste, ameazan con sepultar o futuro da natureza galega.

(9.5.2021)