Saltar ao contido principal

O actual desenvolvemento eólico da Xunta de Galicia é incompatible coa protección do medio ambiente, a preservación do patrimonio cultural e a promoción da actividade turística sostible

No Día Mundial do Medio Ambiente 2021 e en plena celebración do Xacobeo 2021 faise necesario recordar que o actual marco normativo que a nivel autonómico permite a instalación de parques eólicos a gran escala mostra un claro desequilibrio entre o negocio empresarial privado e a conservación da natureza, non é en absoluto garantista e acarrea graves impactos condenando a Galicia a un futuro imprevisible, dado que a conservación adecuada das paisaxes e a protección da biodiversidade, así como o patrimonio cultural, é fundamental para o desenvolvemento dunha actividade turística sostible coa contorna.

A paisaxe e os valores tradicionais estanse a ver afectados pola instalación descontrolada de parques eólicos por todo o territorio galego sen ter en conta o seu impacto ambiental e social (Foto: Asociación Salvemos Cabana)
Neste senso, a Lei 9/2021, de simplificación administrativa, está orientada á maximización do beneficio das grandes corporacións do sector enerxético, pero deixando de lado as necesidades reais da poboación e a protección medioambiental efectiva. O terreo preparouse xa coa Lei 5/2017, de fomento da implantación de iniciativas empresariais, que xunto cun Plan Sectorial Eólico completamente desfasado e obsoleto e a citada Lei 9/2021, forman unha tríada de imprevisibles consecuencias para o futuro.

O suposto "apoio ao investimento" do actual Executivo da Xunta de Galicia non pode nin debe supoñer un prexuizo a gran escala para a poboación galega no seu conxunto, nin o desamparo das galegas e os galegos coa entrega de "licenzas express" ás grandes corporacións, a signiticativa redución de prazos de alegación para as comunidades afectadas ou a emisión simultánea de informes coa aplicación dun silencio administrativo positivo no que a protección do medio ambiente pasa a ser algo testimonial e a Consellería de Economía, Empresa e Innovación ten a última palabra. Neste contexto, a conclusión é que se lle dan todas as garantías e beneficios ás empresas do oligopolio enerxético pero se lle disminúen á poboación no seu conxunto.

A AMPLIACIÓN DA REDE NATURA CONDICIONARÍA O ACTUAL MODELO DE IMPLANTACIÓN EÓLICA EN GALICIA

O outro gran factor que está a marcar a instalación de parques eólicos en Galicia é a desprotección provocada pola falta de sensiblidade do Executivo da Xunta cara a ampliación da Rede Natura, solicitada reiteradamente por Europa ante o significativo déficit que a nivel territorial mantén a comunidade autónoma, pois a contribución do territorio galego á rede ecolóxica europea segue a ser unha das máis baixas a nivel estatal e da UE, con tan só un 11,74% da superficie protexida. A realidade é que dende 2009, aínda que en Galicia non se permite a autorización de proxectos en espaxos incluídos na mesma, non se están a respectar as áreas inmediatas que poden formar parte da súa futura ampliación.

A PROMOCIÓN DA ACTIVIDAD TURÍSTICA SOSTIBLE É INCOMPATIBLE COA INSTALACIÓN DE PARQUES EÓLICOS A GRAN ESCALA

Resulta un completo sinsentido que, nas actuais circunstancias nas que máis dun centenar de proxectos eólicos están en distintas fases de tramitación por todo o territorio en plena celebración do Xacobeo 2021, se fale dende o Goberno autonómico de converter a Galicia nun "modelo europeo de turismo sostible" poñendo en valor os "recursos endóxenos" mentres de maneira coordenada e simultánea se está a fomentar a desprotección territorial coa aprobación de leis que para nada fomentan valores de sostiblidade ambiental e social.

Se ben o factor económico é un dos tres pilares nos que debe ampararse o desenvolvemento turístico sistible, non hai que olvidar que as outras dúas variables da ecuación son a protección ambiental e o amparo do interés social. As tres claves están interrelacionadas e cunha paisaxe visualmente degradada e unha sociedade prexudicada, especialmente no ámbito rural galego, o concepto de "sostibilidade" simplemente desaparece en favor do negocio puro e duro dos grandes conglomerados enerxéticos nun "máis para os que máis teñen".

UN NECESARIO CAMBIO DE MODELO 

Para a Asociación Salvemos Cabana urxe un cambio de modelo que permita un proceso de transición ecolóxica que ante todo debe de ser ordeado, alonxado do actual contexto de "greenwashing" promocionado pola Xunta de Galicia. Un modelo que debería ser, ademáis, social e ambientalmente xusto, no que a participación cidadá sexa un dos factores clave para o desenvolvemento e implantación de enerxías renovables primando o aforro, eficiencia e independencia enerxética das comunidades a través da incentivación do autoconsumo e a produción a pequena escala en todas aquelas zonas onde resulte posible. Enerxía eólica sí, pero un modelo renovado, participativo e democrático.

(5.6.2021)