Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana rexeita o impacto ambiental dos parques eólicos de EDP Renovables sobre a área de influencia da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba

Os últimos cambios anunciados pola multinacional portuguesa sobre o proxecto Monte Chan non son máis que unha cortina de fume que en absoluto soluciona a pegada indeleble que 18 aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa deixarán sobre unha das mellores franxas do litoral galego.

A desmesurada proporción dos aeroxeradores do parque eólico de Corme arruinou unha das mellores paisaxes da Costa da Morte coruñesa polo seu elevado impacto ambiental / Foto: Asociación Salvemos Cabana
Como de maneira errónea e interesada ven de facerse público en datas recentes EDP Renovables non "elimina" catro turbinas eólicas senón que únicamente modifica o seu emprazamento, obviando que a zona quedará igualmente rodeada por un inxente número de máquinas de tres proxectos distintos da mesma empresa.

Desde xeito, o proxecto do parque eólico Monte Chan (9 aeroxeradores, 46,2 MW) cambia para que nada cambie pois en absoluto modifica o número de turbinas, ás que hai que sumar as que integran os proxectos Pena dos Mouros (7 aeroxeradores, 35 MW) e Soesto (2 aeroxeradores, 12 MW).

En realidade, o suposto "cambio" para "salvar" a Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba non é máis que unha acción de publicidade corporativa da empresa como intento de sortear a crecente oposición social e política que veñen xerando os proxectos da multinacional nunha área costeira de incomparable beleza paisaxística que ademáis é susceptible de formar parte no futuro da Rede Natura 2000 dado o déficit existente neste senso no territorio galego, que segue a ter unha das procentaxes máis baixas a nivel estatal e da Unión Europea (UE), con tan só un 11,74% de superficie protexida.

Doutra banda, a instalación dos parques eólicos Monte Chan, Pena dos Mouros e Soesto nunha das franxas costeiras virxes máis espectaculares da Costa da Morte entra en contradición cos principios reitores do Convenio Europeo da Paisaxe, que entende como fundamentais todas aquelas accións "encamiñadas a conservar e manter os aspectos significativos" dos mesmos e que as administracións públicas -incluída a galega-, terán que velar pola conservación dos seus valores naturais, estéticos e culturais, tendo en conta como obxectivo principal a preservación da súa singularidade e da súa interacción harmónica entre natureza e dimensión cultural.

O PARQUE EÓLICO DE CORME COMO EXEMPLO DO IMPACTO REAL QUE ESTES PROXECTOS SUPOÑEN

De sair adiante os proxectos de EDP Renovables na contorna da Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba o futuro que lle espera a esta zona costeira pode ser o que nestas últimas semanas está a vivir a parroquia de Corme (Ponteceso), onde a repotenciación dun parque eólico, tamén da mesma empresa, ven de "esmagar" literalmente a localidade baixo sete axeroxeradores de gran porte que casi alcanzan a altura do monte que os sostén e arruinaron completamente a visión da contorna dun dos cabos "do fin do mundo" máis espectaculares de Galicia.

(4.7.2021)