Investigacións científicas confirman o impacto negativo da actividade da mina de Touro sobre a conca fluvial do Ulla e a ría de Arousa
Os datos dos especialistas demostran que a reapertura do proxecto a ceo aberto podería conlevar unha problemática engadida en caso de accidente a gran escala e que a restauración de canles afectadas pola antiga explotación, especialmente no caso dos acuíferos, vai resultar unha tarefa extremadamente difícil para a que non existen "solucións máxicas" como a instalación de plantas de tratamento.
Impacto ambiental provocado pola mina de Touro (Foto: Asociación Salvemos Cabana) |
Doutra banda, o estudo deixa de manifesto que "a influencia sobre augas freáticas e contaminación de acuíferos faise especialmente evidente nas análises realizadas en pozos, fontes e augas de traída de núcleos rurais" pois das 22 mostras recollidas para a investigación por aquel entón só dúas delas eran susceptibles "de ser bebidas directamente" e outras 17 "non son potabilizables nalgunha época ou durante todo o ano", o que demostra a gravedade dun problema actualmente segue a supoñer un risco para a poboación.
Os datos que reflicten as sondaxes efectuadas son alarmantes. |
OS DATOS CIENTÍFICOS DESACONSELLAN A REAPERTURA DA MINA
Á vista dos feitos, e ante a grave situación que atravesa a zona, todo desaconsella a reapertura do proxecto a ceo aberto pois nin o uso "das mellores técnicas dispoñibles" a nivel mineiro nin a "filosofía de vertedura cero", que non son máis que conceptos que tradicionalmente as empresas mineiras venden a nivel publicitario, poderían evitar, en caso de accidente a gran escala, un desastre ambiental sen precedentes en Galicia afectando ás miles de familias que dependen da riqueza natural da ría de Arousa.
UNHA ACTIVIDADE HISTÓRICAMENTE PERIGOSA PARA O MEDIO AMBIENTE QUE NON TIVO RESTAURACIÓN ALGUNHA
A mina de Touro foi explotada a ceo aberto por Rio Tinto S.A. dende 1973 ata 1986 a través de tres cortas principais: Arinteiro, Vieiro e Bama, das que se obtivo calcopirita e pirrotina para a obtención de cobre, aínda que tamén se conseguiron pequenas cantidades de ouro a partir do concentrado ou gossan.
Ocupando unha extensión de máis de 600 hectáreas, o enclave quedou completamente arrasado e formáronse grandes entulleiras, quedando a zona de labores exposta á acción dos elementos, o que facilitou a súa meteorización, así como a oxidación dos sulfuros metálicos presentes no mineral e a súa liberación ao medio ambiente. Deste xeito, os elevados contidos de elementos metálicos como cobre e ferro, e níquel, cromo, plomo en zinc presentes nas entulleiras viron favorecida a súa mobilidade pola acción ambiental, provocando unha grave contaminación do recurso hídrico e dos solos que actualmente permanece.