Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana insta ao MITECO a denegar a autorización ambiental aos parques eólicos mariños de Iberdrola San Brandán e San Cibrao polo risco que supoñen para as aves migratorias nun dos seus principais corredores europeos

A asociación alerta de que ata a propia compañía constata que a instalación de ambos proxectos pode ter consecuencias imprevisibles para a biodiversidade nunha das áreas de maior valor ambiental da Unión Europea e chama a presentar alegacións logo da actualización dos proxectos por parte da empresa, que se atopan nun novo período de información pública ata o próximo 1 de setembro.

O furabuchos atlántico (Puffinus puffinus) é unha das aves migratorias que cada ano atravesan a área mariña de Estaca de Bares / Wikimedia Commons

Na documentación ambiental inicial sometida a consultas, Iberdrola recoñece que "os aeroxeradores provocan un impacto directo sobre a avifauna dado que poden incrementar a súa mortandade por impacto cos mesmos" e que "a presenza de aeroxeradores nunha zona que discorre próxima a un dos corredores migratorios máis importantes de Europa terá un impacto importante sobre a avifauna".

Extracto da documentación ambiental sometida a información pública

Ademáis, a enerxética certifica un impacto sinérxico e acumulativo ao afirmar que "a presenza de dous parques eólicos a unha distancia de entre 11 os puntos máis próximos e 25 os máis alonxados entre sí, vai supoñer efectos sinérxicos entre ambos ao reducir a superficie de vooo na zona de implantación dos parques eólicos".

Aínda que non os valora como impactos significativos, a empresa considera que os parques eólicos supoñerán unha "perturbación do hábitat", pois "a construción e operación de ambos proxectos pode xerar molestias sobre a fauna en forma de ruídos, radiacións electromagnéticas, presenza de barcos, luces e emisións de gases" de maneira que "existe o risco de que se produza un abandono do hábitat, xa sexa temporal ou permanente".

Dous proxectos a desarrollar de maneira inaceptable, doutra banda, nas inmediacións da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) do Espacio mariño de Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares, clave na migración postnupcial de máis dun millón de aves e un dos pasos de referencia a nivel europeo e mundial.

RENOVABLES SÍ, PERO NON DE CALQUERA MANEIRA NIN EN CALQUERA LUGAR

Por todos estes motivos a asociación, como entidade de defensa ambiental, insta aos responsables do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico e a súa máxima autoridade, a ministra Teresa Ribera, a establecer unha liña vermella e denegar a autorización ambiental de ambos proxectos ante os numerosos impactos negativos que supoñen para a biodiversidade nun momento ademáis no que a diversidade biológixa atópase reiamente ameazada a nivel planetario.

Nesta liña, o Convenio sobre a Diversidade Biolóxica, establecido polas Nacións Unidas en 1992 e suscrito polo Estado español, indica que "a conservación da diversidade biolóxica é de interés común" para a poboación mundial e mostra a súa preocupación pola súa significativa redución observando ademáis, como unha esixencia fundamental, da necesidade da "conservación in situ dos ecosistemas e hábitats naturais e o mantemento e recuperación de poboacións viables de especies nas súas contornas naturais".

Por iso, renovables sí, pero non de calquera maneira nin en calquera lugar, porque a loita contra o cambio climático non pode obviar que a ameaza máis grave para a biodiversidade é a fragmentación, degradación e perda de hábitats e ecosistemas. Neste senso, non se pode intentar solucionar un problema orixinando outro maior ao tempo que se obvian os bens e servizos impagables que as sociedades humanas obteñen da natureza. Como ben sinalou a ONU ao respecto "resulta temerario, senon directamente perigoso, atentar continuamente contra o sistema que sustenta a nosa vida".

(8.8.2021)