Saltar ao contido principal

A obriga legal de dar cumprimento á Lei na restauración ambiental dos impactos da mina de Touro é incompatible co desenvolvemento dun novo proxecto

 O 25/11/2019 a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria (CEEI) require á mercantil Explotacións Gallegas S.L. (EXGA) un proxecto integral de drenaxe da mina de cobre abandonada de Touro. O 02/03/2021 reitera o requerimento sen que se executara o proxecto temporal autorizado previamente (2018). Así, nestes 3 anos, esas augas contaminadas continuaron alcanzando o dominio público hidráuco (DPH) como viñan facendo nos 30 anos anteriores. As actuacións que cita a empresa como realizadas nos últimos 3 anos son actuacións sobre o papel, que nunca se levaron a cabo na realidade, non tendo, por tanto, ninguna consecuencia sobre o medio ambiente.

Impacto ambiental da mina de Touro na bacia do Ulla / Foto: Asociación Salvemos Cabana

O requerimento é: “Modificar o sistema de xestión das augas (incorporar os efluentes de Angumil, Portapego e Felisa ao oco de Vieiro) e garantir a supresión das saídas de auga desde a zona de Arinteiro”.

Ningún do obxectivos do proxecto de drenaxe integral, formulados por EXGA, coincide co requerimento realizado.

O proxecto presentado por EXGA excede con moito o ámbito do procedemento de Autorización en DPH baixo o que se pretende tramitar. Pero tamén excede o procedemento de Autorización de vertidos, xa que Augas de Galicia non pode asumir as funcións propias do órgano sustantivo mineiro (CEEI).

Como se trata dunha mina que aparece co nº 35 do “Inventario de instalaciones de resíduos de industrias extractivas cerradas y abandonadas en España” (MITECO), os proxectos deberían estar encadrados dentro dun Plan de Restauración, conforme ao R.D. 975/2009. No marco desa restauración tamén ten que presentar un PLANO DE XESTIÓN DE RESÍDUOS.

Este “proxecto integral” deixa outra volta sen tratar as augas que rebordan desde a denominada balsa de Bama, agás dunha simples decantación na antedita balsa e o mantemento do humidal reactivo que traballa con tecnosolos. EXGA estima dabondo estas medidas, mais a administración denegou no seu momento o permiso de vertedura das augas da balsa polas altas cantidades de metais pesados que presentan e por non considerar suficientes as “solucións” que agora a empresa volta a propoñer. Na DIA emitida en xaneiro de 2020 denegando o proxecto mineiro de Touro, a Área de vertidos de Augas de Galicia non consideraba suficientemente acreditada a capacidade dos tecnosolos para acadar os níveis de comtaminantes requeridos por este servizo para autorizar as verteduras ao DPH.

É inadmisible que a planta de tratamento que se presenta sexa a diseñada para dar servizo á hipotética futura mina e non para tratar as augas que na actualidade drenan da corta de Vieiro ao Pucheiras.

O actual proxecto de drenaxe integral debe estar incorporado a un verdadeiro PLANO DE RESTAURACIÓN e ter como obxectivo único asumir os pasivos mineiros e resolver o problema de contaminación existente actualmente derivado da anterior explotación e desligarse de calquera futuro proxecto que se poida presentar para a explotación mineira porque a restauración é previa a calquera novo proxecto de explotación, conforme á directiva europea. Plano de Restauración ao que está obrigada a mercantil que asume no mesmo acto, en que se fai propietaria da concesión, tanto dos activos como dos pasivos mineiros. De feito, o Director Xeral de Enerxía e Minas autorizou o 09/03/2017 a transmisión da concesión de explotación San Rafael, nº 2946 da provincia da Coruña de Explotaciones Gallegas SL., a Cobre San Rafael SL., condicionando expresamente a devandita transmisión “á presentación no prazo dun mes dunha actualización dos proxectos de explotación e restauración, asi como da garantía financieira suficiente para cubrir os custos de restauración dos terreos afectados pola explotación mineira".

-

Asinan:

ACOUGA
ADEGA
AMEGROVE
AMEVILA
A.P.D.R. DE PONTEVEDRA
A.P.M. A POBRA
A.P.M. RUA MAR DA ILLA DE AROUSA
A.P.M. SAN AMARO
A.P.M. SAN SATURNINO DE CAMBADOS
A.P.M. VIRXEN DO CARMEN DE ABANQUEIRO
ASMECRUZ
ASOCIACIÓN AMBIENTAL AMABUL DE VEDRA
ASOCIACIÓN DE DEFENSA AMBIENTAL SALVEMOS CABANA
ASOCIACIÓN DE MEXILLOEIROS ILLA DE AROUSA
ASOCIACIÓN DE MEXILLOEIROS XIDOIROS
ASOCIACIÓN TRALAPENA
ASPROMERI
CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (C.I.G.)
COLECTIVO ECOLOXISTA DO SALNÉS (C.E.S.)
CONFRARÍA “A PASTORIZA” DE VILANOVA DE AROUSA
CONFRARÍA DA ILLA DE AROUSA
CONFRARÍA DA POBRA DO CARAMIÑAL
CONFRARÍA DE CABO DE CRUZ
CONFRARÍA DE RIANXO
CONFRARÍA “SAN ANTONIO” DE CAMBADOS
CONFRARÍA “SAN MARTIÑO”DO GROVE
CONFRARÍA DE VILAXOÁN
CONSELLO REGULADOR DO MEXILLÓN DE GALICIA
ECOLOXISTAS EN ACCIÓN
FEDERACIÓN ECOLOXISTA GALEGA
FUNDACIÓN MONTESCOLA
FRUGA
OPMEGA
OPMEGAL
P.D.R. DE VIGO
PLATAFORMA VECIÑAL MINA TOURO-O PINO NON
PLATAFORMA VECIÑAL CORNADO MINA NON
PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS
SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL (S.G.H.N.)
SINDICATO LABREGO GALEGO
SOS SUÍDO SEIXO
VERDEGAIA