Saltar ao contido principal

O actual desenvolvemento eólico da Costa da Morte é incompatible coa certificación da zona como destino turístico Starlight

A sobresaturación de parques eólicos en funcionamento, aos que hai que sumar os máis de 20 que se atopan en distintas fases de tramitación e que engadirían casi 200 aeroxeradores de grandes dimensións ao conxunto, non é armonizable coa "Declaración sobre a Defensa do Ceo Noturno e o Dereito á Luz das Estrelas", tamén coñecida como "Declaración da Palma", que recoñece a necesidade de protexer os ceos como un ben para o ser humano e a sociedade.

A Costa da Morte converteuse nos últimos anos nun "mar" de aeroxeradores / ASC

A contaminación lumínica é un problema recoñecido a nivel internacional, e a iluminación permanente dos aeroxeradores altera na práctica o disfrute do ceo nocturno. Ademáis, coa demanda do uso de aeroxeradores de nova xeración tanto en novas instalacións como en repotenciacións de proxectos, con máquinas moito máis grandes, o impacto visual pasa a ser un factor de primer orden á hora de considerar calquera tipo de interferencia no ceo nocturno.

Doutra banda, na Costa da Morte os parques eólicos instaláronse -ou proxectan instalarse- nunha meirande parte dos casos en atalaias orográficas que dominan a paisaxe nocturna e destacan pola súa alta visibilidade, o que aumenta o problema a nivel de observación astronómica e astrofotografía. 

Convén non esquecer en calquera caso que a iluminación dos aeroxeradores presenta outros factores adversos como así recoñecen os especialistas ao afirmar que ten un impacto significativo sobre o medio nocturno podendo xerar molestias ás persoas por intrusión lumínica e deslumbramento e impacto sobre a contorna, conferindo á paisaxe unha imaxe de desacougo. Ademáis, tal e como sinalaron organizacións de referencia como SEO/Birdlife, altéranse os ciclos naturais de moitos seres vivos durante o período nocturno e as pautas de comportamento ao modificar os seus ritmos circadianos, chegando a desorientar ás aves e certos anfibios nos seus procesos de migración.

Salvemos Cabana, como asociación de defensa ambiental, apoia a declararación da Costa da Morte como zona "Starlight" en condicións ideais pero considera que en ningún caso o interese comercial e/ou político de minguén pode estar por riba do medioambiental e o humano. Cos datos vixentes, a realidade é que o actual desenvolvemento eólico, sumado á deficiente iluminación municipal que presentan unha gran maioría de localidade -incluida Cabana de Bergantiños- fai que non se den a día de hoxe as condicións reais necesarias para unha certificación celeste destas características. Porque a Costa da Morte, como Galicia, necesita con urxencia un saneamento de luces nocturnas previo a calquera outro tipo de consideración, non máis parques eólicos.

(16.7.2022)