O parque eólico Prada compromete o astroturismo e a calidade do ceo nocturno en Pena Trevinca e a súa contorna, acreditados co selo Starlight
A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana pídelle ao Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) que no autorice o proxecto ao entender que resulta incompatible co modelo de desenvolvemento económico e socioturístico plantexado a nivel comarcal por A Veiga e concellos limítrofes.
![]() |
O astroturismo é unha das grandes bazas do macizo de Pena Trevinca / Xenérica |
A pesares dos esforzos da multinacional norueguesa Statkraft e a súa filial española, Desarrollos Renovables Iberia Gamma S.L.U. por presentar que o impacto lumínico non será relevante logo da instalación do parque eólico, a realidade é que os 24 aeroxeradores, de 215 metros de altura en punta de pa, son imposibles de integrar nunha paisaxe carente deste tipo de infraestruturas sexa cal sexa a análise de cunca visual que pretenda a compañía.
Doutra banda, hai que destacar que a documentación do novo proxecto sometida a consultas deixa ben claro que alomenos en 19 turbinas eólicas instalaranse sinais luminosas de balizamento na parte superior dunhas máquinas que funcionarán tamén de maneira nocturna alterando sen remedio o ceo prístino do que a día de hoxe goza o macizo de Pena Trevinca pois tal como explica a compañía "as luces escintilearán sincronizadas para pñer en evidencia que todo o parque constitúe un mesmo obstáculo". Ademáis recoñecen que existirá un segundo nivel de luces a 45 metros sobre o terreo en cada aeroxerador, composto de tres balizas dispostas cun ángulo que asegure a súa visión "dende calquera azimut".Experiencias semellantes noutras zonas da península como a comarca de Terra Alta, en Tarragona, demostraron que o impacto do balizamento dos parques eólicos é recorrente e prexudica tanto á biodiversidade como a saúde de veciñas e veciños e ao propio ceo nocturno, que na zona viuse seriamente prexudicado. No caso de Trevinca, ademáis, está a presenza do novo observatorio astronómico de A Veiga e a calificación da zona co selo turístico Starlight que se verá directamente afectada.
CLARA INCOMPATIBLIDADE COA "DECLARACIÓN DA PALMA"
En relación con isto, o proxecto é claramente incompatible coa "Declaración sobre a Defensa do Ceo Nocturno e o Dereito á Luz das Estrelas", máis coñecida como "Declaración da Palma", respaldada conxuntamente por organizacións como a UNESCO, a Organización Mundial do Turismo (OMT), a Unión Astronómica Internacional (IAU), o PNUMA-CMS e outras como cE, SCBD, CIE, o programa MaB e a Convención Ramsar, recoñecendo a necesidade de protexer a escuridade do ceo nocturno como un ben para o ser humano e a sociedade ante a perda xeralizada que a nivel mundial está a suceder "dun recurso cultural, científico e natural", algo que sinalan pode ter "consecuencias imprevisibles".
O texto aposta por "o dereito a un ceo nocturno non contaminado que permita disfrutar da contemplación do firmamento" o que é equiparable "ao resto dos dereitos ambientais, sociais e culturais" recoñecendo que "os efectos negativos sobre a calidade atmosférica dos ceos nocturnos nos espazos naturais, causados polo incremento das emisión e a intrusión da luz artificial, afectan gravemente a moitas especies, hábitats e ecosistemas".
Como colofón o acordo considera que "os ámbitos privilexiados para a observación astronómica constitúen un ben escaso no planeta, e a súa conservación representa un esforzo mínimo en comparación cos beneficios que aportan ao coñecimento e ao desenvolvemento científico e tecnolóxico". Por iso "a protección da calidade dos ceos nestes espazos singulares deberá constituir unha prioridade nas políticas medioambientais e científicas de carácter rexional, nacional e internacional" e "terán que extremarse as medidas e disposicións que permitan protexer tales espazos dos efectos nocivos da contaminación lumínica, radioléctrica e atmosférica". En definitiva, sobran motivos a nivel administrativo para non autorizar ambientalmente o proxecto do parque eólico Prada.