Saltar ao contido principal

O parque eólico Monte Agrelo e Muriño supón unha ameaza para algunhas das mellores paisaxes da Costa da Morte, o patrimonio cultural de Galicia e o turismo sostible como motor de desenvolvemento a nivel local e comarcal

A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana chama a presentar alegacións ante o proxecto da multinacional EDP Renovables, que pretende instalar entre Cabana de Bergantiños e Zas un total de 7 aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa prexudicando directamente a algunhas das mellores contornas rurais do noroeste peninsular na área de afectación visual de monumentos como o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo ou lugares de alto valor etnográfico e patrimonial como San Fins do Castro.

O parque eólico Monte Agrelo e Muriño ameaza a supervivencia dalgunhas das mellores paisaxes da Costa da Morte / ASC

A propia empresa promotora recoñece un alto nivel de impacto cunha visibilidade total calculada para o parque eólico de 37.359 hectáreas, o que imposibilita a súa integración paisaxística debido á gran magnitud dos aeroxeradores propostos, de 122,5 metros de altura de núcleo e 155 de diámetro de rotor. Ademáis, a evacuación da enerxía do parque eólico dende a subestación eléctrica transformadora (SET) realizarse a través dunha liña aérea de 220 kV con destino Meirama cunha notable afectación a nivel de territorio.

Resulta imposible obviar os fortes impactos sinérxicos e acumulativos do parque eólico Monte Agrelo e Muriño nunha contorna xa sobresaturada de proxectos con 12 parques eólicos xa en funcionamento e 55 aeroxeradores en 10 quilómetros á redonda e nunha área de desenvolvemento que soporta actualmente 22 parques eólicos e un total de 112 aeroxeradores. Na práctica e por desgraza constitúe un paso máis no desmantelamento territorial fomentado polo PP en Galicia e podería supoñer o final dalgúns das últimas grandes paisaxes rurais do noroeste peninsular.

Doutra banda non hai que olvidar a afección directa que o proxecto terá sobre a contorna visual de monumentos como o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo ou lugares de alto valor etnográfico e patrimonial como San Fins do Castro pois a parroquia de Cesullas, en Cabana de Bergantiños, é unha das zonas máis prexudicadas. É un feito que o turismo sostible, como motor de desenvolvemento a nivel local e comarcal, verase directamente afectado.

A documentación do proxecto pode consultarse en ir.gl/eolicomonteagrelo e a asociación está a preparar unhas alegacións públicas xerais que estarán dispoñibles para o seu envío á Administración a partir do próximo sábado 24 de setembro en ir.gl/alegamonteagrelo. O prazo de entrega finaliza o próximo 10 de outubro.

(18.9.2022)