O parque eólico Soesto ameaza unha das franxas costeiras de maior valor ambiental de Galicia e a contorna visual da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba
Pese a que o proxecto de EDP Renovables en Laxe conta só con dous aeroxeradores servirá de punta de lanza para arruinar a mellor franxa litoral da Costa da Morte debido a que este plan enerxético ten infraestruturas asociadas a outros dous proxectos da compañía na mesma área: o parque eólico Monte Chan, que pretende instalar nove aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa e o parque eólico Pena dos Mouros, que con sete turbinas eólicas de idénticas dimensións pechará unha "tríada" que destruirá de maneira irreversible o que ata o de agora era considerado unha das paraxes máis espectaculares do noroeste peninsular convertendo a zona en solo industrial.
![]() |
Zona afectada polo parque eólico Soesto (Foto: Asociación Salvemos Cabana) |
Este procedemento fragmentado de tramitación de proxectos eólicos deriva nunha deficiente avaliación dos efectos ambientais xerados polo total das instalacións, comportamento que ven sendo denunciado nos últimos anos ata o punto de que a Xustiza anulou o procedemento administrativo dalgúns parques a nivel estatal, recoñecendo esta práctica como un feito ilegal.
Neste senso, os parques eólicos e as súas liñas de evacuación teñen que ser contemplados como un todo integrado nun mesmo proxecto, algo que neste caso non sucede porque a liña de evacuación derivará a enerxía producida polo parque eólico Soesto cara a subestación eléctrica transformadora (SET) "Monte Chan", que tamén recollerá a enerxía procedente dos parques eólicos Pena dos Mouros e Monte Chan. A continuación, unha liña de alta tensión (LAT "Costa da Morte") evacuará a enerxía producida por estes tres parques eólicos e outros tres que pretende desenvolver a compañía como son o parque eólico Monte Agrelo e Muriño, o parque eólico Alto Torreiro e o parque eólico Bustelo e Baralláns, nunha situación que na práctica impide a avaliación conxunta dos efectos sinérxicos e acumulativos deste complexo eólico.
ALTO NIVEL DE AFECTACIÓN EN AVES E MORCEGOS
No caso do parque eólico Soesto o nivel de afectación sobre a contorna será moi elevado, tanto a nivel paisaxístico como sobre a biodiversidade existente nunha zona limítrofe coa Rede Natura 2000 e a Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte (código ES1110005), que conta coa presenza na área inmediata de 105 especies de aves, 8 delas catalogadas en estatus de "Vulnerable" ou "en perigo de extinción" como a subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. Lusitanica Steinbacher) amparada -en teoría- polo Decreto autonómico 75/2013, de 10 de maio, polo que se aproba o plan de recuperación da especie.
A empresa recoñece, además, que o impacto será tamén moi elevado entre os quirópteros tendo en conta todos os proxectos que pretende desenvolver (Soesto, Monte Chan, Pena dos Mouros, Monte Agrelo y Muriño, Bustelo e Baralláns, Alto Torreiro) pois a zona conta coa presenza dun total de 9 especies e 8 xéneros entre os que se atopan o morcego das covas (Miniopterus schreibersii), o morcego rateiro grande (Myotis myotis), o morcego mediterráneo de ferradura (Rhinolophus euryale) e o morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), catalogados como “Vulnerable” a nivel estatal e autonómico e o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros) catalogado como “Vulnerable” a nivel autonómico.
DANO IRREPARABLE SOBRE A CONTORNA DA PAISAXE PROTEXIDA DOS PENEDOS DE PASARELA E TRABA
Aparte do impacto sobre a biodiversidade e os múltiples riscos que carrexa a instalación dun complexo eólico destas características, subdividido en sucesivos proxectos enlazados entre si por unha mesma infraestrutura de evacuación, a peor parte lévaa a propia contorna dos Penedos de Pasarela e Traba, un enclave declarado como paisaxe protexida polo Decreto autonómico 294/2008, de 11 de decembro, que quedará completamente rodeado de aeroxeradores de 200 metros de altura.
Este feito é claramente incompatible co Convenio Europeo da Paisaxe, que insta aos Estados a "conservar e manter os aspectos significativos ou característicos dos mesmos" e coa Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, que recoñece que as paisaxes protexidas teñen como obxecto "a conservación dos valores singulares que os caracterizan" e "a preservación da interacción armoniosa entre a natureza e a cultura" das comarcas.
Ademáis, a situación que podería provocar este aluvión de parques eólicos entra en clara contradicción cos obxectivos da Lei 7/2008, de protección da paisaxe de Galicia, que entende que "a paisaxe ten unha dimensión glogal de interés xeral" para a cidadanía dado que "trascende os campos ambientais, culturais, sociais e económicos".
PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS ATA O 31 DE OUTUBRO
A documentación do proxecto do parque eólico Soesto pode consultarse en ir.gl/eolicosoesto e a asociación está a preparar unhas alegacións públicas xerais que estarán dispoñibles para o seu envío á Administración a partir do próximo luns 24 de outubro en ir.gl/alegasoesto. O prazo de entrega finaliza o próximo 31 de outubro.
(16.10.2022)