Saltar ao contido principal

Un impacto ambiental sen precedentes converte ao parque eólico Monte Chan nun novo 'Prestige' para aves e morcegos da Costa da Morte

A documentación do proxecto da multinacional EDP Renovables sometida a consultas recoñece a posible presencia de especies catalogadas especialmente sensibles ao impacto dos aeroxeradores que nalgúns casos teñen sido detectadas durante as sondaxes "en alturas en risco de colisión".

O falcón peregrino é unha das aves afectadas polo proxecto eólico (Foto: Wikimedia)
Así, están a presenza potencial do picanzo vermello (Lanius collurio), a garza real (Ardea cinerea) -especialmente vulnerable aos parques eólicos-, o azor (Accipiter gentilis) o gabián (Acciditer nisus) -que a promotora recoñece ter detectado a alturas de voo perigosas para a súa supervivencia- e tamén o lavanco (Anas platyrhynchos) e a cotovía pequena (Lullula arborea), especies reflectidas en moitos casos no "Estudo do efecto dos parques eólicos sobre a avifauna en Galicia e plan de minimización do impacto" (Xunta de Galicia, 2009).

Pese a isto, sen embargo, a multinacional EDP Renovables non contempla a instalación de equipos de sistema de paro por alerta de posicionamento (tipo DTBird) e todo a escasa distancia da Important Bird Area (IBA) Costa da Morte -a 650 metros- e nas inmediacións da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte -a 945 metros- e a ZEPA correspondente ao espazo mariño Costa da Morte -a 1.030 metros- onde se estima, segundo os datos do Ministerio de Medio Ambiente, que máis dun millón de aves migratorias pasan durante o periplo anual.

A área onde pretende instalarse o parque eólico, ademáis, excede o nivel dos 20 días por ano de néboa, un claro factor de incidencias porque actualmente os científicos recoñecen que as condicións de baixa visibilidade están relacionadas  co risco de impacto da avifauna, máis nunha zona coa presenza dun corredor migratorio de importancia.

Segundo o "Inventario y designación de la Red Natura 2000 en áreas marinas del Estado español" existen múltiples especies de carácter mariño que poden verse directamente afectas polo parque eólico, o que fai totalmente inviable a súa implantación pola súa proximidade a áreas, en teoría, protexidas a nivel europeo, nas que viven auténticas xoias da biodiversidade coma o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis aristotelis), a mobella ártica (Gavia arctica), a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), o carrán cristado (Sterna sandvicensis) o carrán común (Sterna hirundo), o carrán pequeno (Sterna albifrons), gaivina negra (Chlidonias niger), a gaivota escura (Larus fuscus) e o paíño pequeno (Hydrobates pelagicus), que xunto á gaivota escura e o carrán común, son especialmente vulnerables aos parques eólicos nalgúns casos incluso pola impacto da contaminación lumínica xerada.

Por outra parte está a presencia constada, recoñecida como de "voo en risco de colisión" do falcón peregrino (Falco peregrinus), ave incluida no Listado de Especies en Régimen de Protección Especial según Real Decreto 139/2011 e no Anexo I da Directiva Aves 2009/147/CE. A maiores, ademais, a gaivota tridáctila está calificada como "Vulnerable" e como no caso da gaivota sombría véñense reportando con frecuencia casos de colisión con aeroxeradores.

IMPACTO NEGATIVO SOBRE A ÁREA DE DISTRIBUCIÓN POTENCIAL DUNHA ESPECIE EN PERIGO DE EXTINCIÓN

A promotora recoñece igualmente que as infraestructuras do proxecto eólico atópanse dentro da área de distribución potencial da subespecie lusitanica da subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitatica Steinbacher) e amparada baixo o plan de conservación citado no Decreto autonómico 75/2013, clasificada en Galicia e a nivel estatal como de "en perigo de extinción".

O termo "área de distribución potencial" fai referencia a todos aqueles lugares que poderían ser empregados pola especie ben como áreas de descanso durante movementos dispersivos  ou entre as áreas de distribución actual ou ben en épocas diferentes ás de cría, en especial durante o inverno. Neste sentido, que a empresa afirme que non detectou a súa presenza na poligonal do proxecto eólico non significa que non esté presente a día de hoxe ou que non vaia a estalo no futuro, máis tendo en conta que este tipo de proxectos industriais teñen unha etapa mínima de ocupación territorial duns vinte anos prorrogables.

IMPACTO NEGATIVO SOBRE DÚAS ESPECIES DE MORCEGOS EN ESTADO VULNERABLE

Ademáis, EDP Renovables fai constar a afectación potencial sobre dúas especies de quirópteros ameazadas, como son o morcego grande de ferradura (Rhinolophus ferrumequinum), catalogado como "Vulnerable" segundo a  lexislación estatal (RD 139/2011) e autonómica (Decreto 88/2007) e o morcego pequeno de ferradura (Rhinolophus hipposideros), catalogado también como "Vulnerable" segundo a normativa galega.

No caso de parques eólicos coma o Monte Chan os morcegos afrontan unha problemática particular: o denominado "barotrauma", provocado pola rápida reducción da presión atmosférica dentro das aspas en movemento a gran velocidade e polo feito de que a iluminación nocturna dos parques eólicos -neste caso, alcanzando os 200 metros de altura en punta de pa por aeroxeradores- poden ser un punto de atracción de insectos e por extensión dos seus depredadores nocturnos.

Por este motivo, ao tratarse de especies cunha baixa taxa de reproducción anual e cunha esperanza de vida alta, os quirópteros poden estar afectados incluso por unha pequena mortandade adicional. A empresa, sen embargo, non contempla medidas específicas no caso dos quirópteros e chega incluso a contemplar de maneira potencial "unha afección significativa ás dúas especies", o que supoñería o evidente menoscabo dos obxectivos de conservación da Rede Natura 2000 dado o risco dun impacto notable de salir adiante o proxecto eólico sobre estas especies incluídas no Anexo II da Directiva Hábitats.

PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS ATA O 27 DE XANEIRO

A documentación do proxecto do parque eólico Monte Chan pode consultarse online en ir.gl/eolicomontechan e as alegacións públicas xerais preparadas porla asociación xa están dispoñibles para o seu envío á Administración en ir.gl/alegamontechan. O prazo de entrega finaliza o próximo venres 27 de xaneiro.

(25.1.2023)