O parque eólico Monte Chan asedia os Penedos de Pasarela e Traba e condiciona a futura ampliación da Rede Natura na Costa da Morte
Catro dos dez aeroxeradores do proxecto da multinacional EDP Renovables entre as localidades de Laxe, Vimianzo e Camariñas terán, pola súa proximidade á paisaxe protexida, un alto impacto visual dende a Torre da Moa, que con 274 metros é o punto culminante deste singular macizo granítico.
|  | 
| Contorna da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba (Foto: Asociación Salvemos Cabana) | 
Esta situación determina un dano irreparable na zona dos Penedos de Pasarela e Traba, lugar amparado polo Decreto 294/2008, pois se ben os aeroxeradores non invaden de facto os terreos da área protexida si condicionan a visibilidade da súa contorna inmediata, o que deixa en papel mollado o estipulado no Convenio Europeo da Paisaxe (Florencia, 2000), que sinala que este "desempeña un papel importante de interés xeral nos campos cultural, ecolóxico, medioambiental e social" constituíndo ademáis un recurso favorable para a actividade económica xa que a súa correcta protección e a dos seus valores e áreas de influencia pode contribuir á creación de emprego.
INCIDENCIA NEGATIVA SOBRE A REDE NATURA
Doutra banda, este parque eólico está integrado no denominado "Complexo eólico Costa da Morte", que con 35 aeroxeradores de gran porte a as súas infraestruturas asociadas convertirán de ser aprobados a esta parte do noroeste galego nun mar de turbinas eólicas e redes de alta tensión imposibilitando na práctica a ampliación da Rede Natura demandada polas autoridades europeas, con Galicia no vagón de cola en canto a superficio protexida e nun contexto no que a Comisión considera que o plan presentado pola Xunta para a xestión e protección de espazos naturais incumpre de maneira sistemática os requisitos da Directiva Hábitats con respecto ás zonas especiais de conservación.
De feito, Galicia só conta un 12% de territorio baixo a protección da Rede Natura 2000, o que supón aproximadamente a metade da porcentaxe a nivel estatal e casi catro veces menos que outros territorios como Canarias (42,4%), Madrid (39m9%), La Rioja (33,2%) ou Extremadura (30,2%).
PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS ATA O 27 DE XANEIRO
A documentación do proxecto do parque eólico Monte Chan pode consultarse en ir.gl/eolicomontechan e as alegacións públicas xerais preparadas pola asociación estarán dispoñibles para o seu envío á Administración a partir do luns 23 en ir.gl/alegamontechan. O prazo de entrega finaliza o próximo día 27 de xaneiro.
(15.1.2023)