Salvemos Cabana rexeita o modelo de certificación presentado en FITUR pola Fundación Starlight para a Costa da Morte e recorda que o impacto nocturno dos parques eólicos é un feito tanxible que a diario sofre a poboación afectada
A asociación de defensa ambiental apoia as reivindicacións efectuadas neste sentido por entidades de referencia como Ecoloxistas en Acción ou Arco Iris e considera que os diferentes eventos ao respecto no stand de Galicia na feira obedecen sobre todo a intereses políticos de distinta índole ante a próxima celebración da campaña electoral das municipais en 2023.
O impacto nocturno dos novos parques eólicos plantexados na Costa da Morte, con aeroxeradores de grandes dimensións, é máis que evidente |
DICINDO UNHA COUSA E FACENDO XUSTO A CONTRARIA
Chama a atención que mentres a directoras de Turismo da Xunta de Galicia Nava Castro presenta "ao grande" a certificación da Costa da Morte como destino turístico Starlight na Feira Internacional de Turismo (FITUR), a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas baixo o auspicio do conselleiro do ramo Francisco Conde siga a tramitar proxectos como se non houbera un mañán, pois o seu departamento sacou nos últimos dous meses tantos parques eólicos como nos seis anos anteriores xuntos. A Deus rogando e co mazo dando.
Na Costa da Morte, este último punto ten unhas implicacións moi serias pois o recente desembarco dos parques eólicos de nova xeración, con aeroxeradores de dimensións xigantes que alcanzan en punta de pa os 200 metros de altura ou máis, implica por normativa de seguridade aérea a presenza obrigatoria de iluminación nocturna, que ademáis de prexudir a determinadas especies está a converter as noites de moitas zonas da Costa da Morte nunha sorte de verbena indesexada.
Este feito non é só molesto para a veciñanza das parroquias afectadas pola vasta extensión territorial da Costa da Morte, senón que prexudica claramente tanto a serenidade do ceo nocturno como as posibilidades de observación e desenvolvemento doutras disciplinas como a astrofotografía. Dá a sensación de que para quenes veñen de promocionar este despropósito a solución fora pechar os ollos e facer caso omiso ao estímulo como se este non existira.
Alguén pode dudar a estas alturas da contaminación luminosa provocada polos parques eólicos? |
O RISCO DE CONVERTER A NATURALEZA DA NOITE NUN NEGOCIO
Por momentos e á vista das circunstancias, moita xente pode ter a sensación de que o actual modelo da Fundación Starlight -que esperemos non sexa o do Instituto Astrofísico de Canarias- é o de converter o fenómeno nocturno nun negocio de certificacións, nunha serie de eventos de photocall, viaxes exóticas e presentacións públicas, que aínda con boas intencións de fondo, como a mellora das iluminacións municipais, non considera en esencia o problema ambiental existente. Porque doutro xeito, sería a propia entidade a que fai tempo que puxera o grito no ceo ante a dramática situación que os parques eólicos veñen provocando nas noites da Costa da Morte.
(19.1.2023)