Saltar ao contido principal

Eólica mariña: Salvemos Cabana rexeita o POEM por converter a Galicia en terra de sacrificio e o seu durísimo impacto sobre a biodiversidade

A asociación de defensa ambiental considera que o Plan de Ordenación de Espazos Mariños aprobado polo Goberno o 28 de febreiro non garante a protección dos ecosistemas e converte á franxa litoral e as súas augas asociadas en territorio de especulación para as grandes eléctricas.

A costa e as súas augas xurisdiccionais son o gran patrimonio de Galicia (Foto: Salvemos Cabana)

Para Salvemos Cabana resulta vergoñento e inaceptable que Galicia teña que acoller casi a metade da eólica mariña que se despregue en territorio español ao tempo que é totalmente excedentaria no que a produción enerxética se refire e co seu territorio totalmente invadido por parques eólicos terrestres pola pésima xestión que sucesivos Executivos da Xunta permitindo e alentando a instalación descontrolada deste tipo de proxectos, convertendo cada outeiro, cada monte e cada zona singular da paisaxe do noroeste da península en parque industrial.

OS PARQUES EÓLICOS MARIÑOS, UNHA "TRITURADORA" DE BIODIVERSIDADE

Un recente informe da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN polas súas siglas en inglés) advirte que a literatura científica dispoñible neste momento demostra o elevado impacto ambiental sobre a biodiversidade que carrexan os parques eólicos mariños en torno a cinco piares, como son o elevado risco de mortalidade para as aves en caso de colisión, a alteración do comportamento das especies debido ás perturbacións xeradas -en especial aos altos niveis de emisión sonora-, o "efecto barreira" para as mesmas e a perda de hábitats afectando así a todo o ecosistema.

Na mesma liña, un artigo científico publicado en 2021 por investigadores do CSIC e as universidades de Barcelona e Girona advirte que a construción, operación e desmantelado deste tipo de proxectos enerxéticos non só conleva o risco de colisión de aves, mamíferos e tartarugas mariñas coas instalacións, senón que carrexa outro tipo de problemas ambientais como a contaminación acústica -causada polas turbinas e o montaxe de infraestruturas- para os mamíferos e outros animales mariños, a contaminación por metais pesados, o dano dos fondos mariños polo efecto das áncoras e o tendido e despregue de cables, así como o efecto dañino dos campos electromagnéticos sobre os peixes e outros recursos pesqueiros.

Doutro lado, e tal como sinalan os especialistas, en moitas zonas do litoral "a paisaxe é un elemento clave de identificación e vínculo" tanto para a poboación local como para o turismo, que é unha das actividades motrices da economía española. Sen olvidarse, ademáis, da pesca artesanal e os miles de postos de traballo que xera non só en Galicia, senón en toda a cornisa cantábrica.

UN DESPROPÓSITO A GRAN ESCALA CO CAMBIO CLIMÁTICO COMO EXCUSA

Tendo todos estes factores en conta a aprobación dos POEM por parte do Goberno de España só pode considerarse como un despropósito a gran escala nunhas zonas de sacrificio de alto valor ecolóxico, que ademáis en augas galegas afectará sen remedio a importantes corredores migratorios para aves e outras especies mariñas, o que demostra o descoñecemento maiúsculo do Ministerio para la Transición Ecológica coa ministra Teresa Ribera á cabeza, que teóricamente teñen a obriga de defender o territorio e os intereses da poboación, non as contas de resultados das grandes empresas.

Non se pode pretender solucionar un problema coma o cambio climático provocando outros á mesma escala, con impactos inasumibles sobre os ecosistemas mariños e as actividades económicas cunha industria que por outra parte necesita dos combustibles fósiles e materiais non reciclables para o seu funcionamento e cunstrución. Neste senso, a "revolución verde" das mal chamadas "enerxías renovables" promocionada polo oligopolio eléctrico e agora parece que defendido por quenes deberían de representar á cidadanía non deixa de ser o que sempre foi, unha cruel falacia.

(1.3.2023)