Saltar ao contido principal

O último informe técnico do Banco de España sobre renovables desminte en Galicia as promesas de emprego a nivel local das grandes empresas do sector eólico

Ao igual que outros colectivos estatais contrarios á implantación descontrolada das mal chamadas "enerxías verdes" a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana faise eco a nivel autonómico do documento elaborado pola profesora Natalia Fabra, da Universidade Carlos III e os especialistas do organismo económico Eduardo Gutiérrez, Aitor Lacuesta e Roberto Ramos, que conclúen que o impacto dos parques eólicos no emprego local é "maioritariamente non significativo", un factor que consideran debería ter importantes implicacións para as Administracións "en termos de políticas públicas".

O informe técnico do Banco de España demostra que os parques eólicos non garanten o emprego a nivel local (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

A investigación, centrada en estudar se os investimentos en renovables xeran postos de traballo no municipio onde se ubican, empregou 13 anos de datos mensuais analizando a variación no tempo e no tamaño de proxectos de investimento eólicos e solares de máis de 3.200 municipios españois, comparando o desenvolvemento mensual do emprego e o desemprego nos municipios onde se produxeron investimentos en renovables en diferentes momemtos, proporcionando así unha caracterización detallada da dinámica do mercado laboral en torno á apertura destes proxectos.

Segundo afirman os autores a modo de resumen, "os investimentos eólicos teñen efectos moi baixos e estatísticamente non significativos sobre o emprego local durante as fases de construción e mantemento", pois aínda que nestes proxectos traballan equipos multidisciplinares "fano dende a distancia", cunha etapa de construción que é "relativamente curta" levada a cabo por contratistas "que a miúdo residen noutros lugares e múdanse unha vez rematou o traballo". Ao final, só se realiza o mantemento do sitio, que "xeralmente involucra a traballadores que manteñen de forma remota varios sitios á vez" e "non residen permanentemente no municipio onde se ubica o investimento".

Por estes motivos o informe aposta por un modelo máis democráctico e equitativo, onde se promovan as comunidades enerxéticas locais, se compense de maneira xusta á cidadanía e concellos e as persoas residentes teñan participación directa nos novos proxectos, xusto o contrario do que está a acontecer en Galicia.

Tendo en conta, ademáis, a afección negativa destes proxectos sobre actividades esenciais coma o turismo e outras do sector primario como a pesca -no caso de parques eólicos mariños-, só é posible concluir que en Galicia as promesas de emprego a nivel local das grandes empresas do sector eólico non son máis que papel mollado, sen viso algún de verosimilitude.

ALCALDE DE CABANA DE BERGANTIÑOS OU "COMERCIAL POR HORAS" DAS EMPRESAS EÓLICAS?

Ao respecto, este informe do Banco de España tamén deixa en evidencia as afirmacións e mostras de apoio de José Muíño Domínguez (PP), alcalde de Cabana de Bergantiños, á implantación sen taxa de parques eólicos actuando a miúdo máis de "comercial" das propias empresas do sector en actos públicos e medios de comunicacións afíns que de representante dos intereses das veciñas e veciños que residen no municipio, algo máis penoso se cabe ao pertencer a día de hoxe á xunta directiva da Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT), entidade que en teoría defende unha actividade que está directamente prexudicada pola implantación deste tipo de proxectos enerxéticos.

(19.3.2023)