A nova "Lei de recursos naturais" anunciada pola Xunta, unha ferramenta para fomentar o espolio eólico e mineiro máis descarnado e devolver a Galicia á época colonial
A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana considera que o canon anunciado por Alfonso Rueda dentro do proxecto da norma para gravar as liñas de evacuación da eólica mariña non é máis que unha cortina de fume para impoñer unha serie de proxectos de alto impacto sobre sectores esenciais na economía galega coma o turístico e o da pesca tradicional, dos que de maneira directa e indirecta dependen miles de familias por todo o territorio.
|  | 
| A "Lei de recursos naturais" anunciada pola Xunta pode converter a Galicia nun lamentable exemplo de extractivismo (Foto: Asociación Salvemos Cabana) | 
Neste senso, o "papel protagonista" da Xunta na transición enerxética ao que alude o líder do PP non é outra cousa que "papel mollado" nunha comunidade autónoma que segundo datos oficiais exportou o ano pasado máis do 40% da electricidade xerada nun contexto no que a poboación viu significativamente incrementadas as súas facturas de consumo nos últimos anos.
Así, segundo os datos de Red Eléctrica Española (REE), Galicia é un territorio netamente exportador, cunha produción superior aos 22.000 MWh, dos cales máis de 14.500 son de orixe renovable, superando con creces o consumo interno da comunidade autónoma.
De feito, o último "Informe do sistema eléctrico español" de REE sinala que Galicia foi a terceira rexión con maior cuota de produción renovable a nivel estatal, cunha xeración do 64,8% de renovables no total do seu mix, superando nun 57% a cota fixada pola Unión Europea para o ano 2030.
Nesta situación claramente excedentaria, que en nada beneficia á poboación e en cambio si que está a prexudicar gravemente paisaxe, biodiversidade e calidade de vida, especialmente no rural, é na que o presidente da Xunta anuncia a tramitación da nova "Lei de recursos naturais de Galicia" mentres ducias de grupos sociais por todo o territorio atópanse inmersos nunha carreira contra o tempo ante a notoria falta de garantías ambientais da súa Administración.
|  | 
| O "fermosismo" que a Xunta di defender encobre a falta de control ambiental sobre o territorio da actual Administración galega (Foto: Asociación Salvemos Cabana) | 
Esta circunstancia, na práctica, retrotrae a Galicia á África colonial do século XIX, converténdoa nunha sorte de "vaca leiteira" de recursos a baixo custe e alto rendemento para as grandes multinacionais do sector enerxético que asume con crudeza todos os impactos socioambientais pero que sen embargo recibe a cambio unhas migallas que logo acaban desperdigadas entre accións como a compra de contedores de lixo vía canon compensatorio, publicidade institucional (véxase a campaña "Fermosismo") ou xugosas subvencións públicas a todas aquelas entidades e organismos que engrasan esta maquinaria falaz.