Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana celebra a denegación do permiso ambiental aos parques eólicos Soesto e Monte Chan e chama a rexeitar o proxecto Pena dos Mouros polo seu impacto sobre paisaxe e biodiversidade

A asociación considera que o terceiro proxecto de EDP Renovables que afecta á contorna da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba non debe autorizarse ao estar situado nunha zona de máxima sensibilidade ambiental entre as localidades coruñesas de Laxe, Vimianzo e Camariñas.

O parque eólico Pena dos Mouros afecta a unha zona de gran singularidade e beleza ( Foto: Asociación Salvemos Cabana)

Logo de anos de loita en defensa dunha das paisaxes máis prísticas e espectaculares da Costa da Morte, Salvemos Cabana celebra que a Xunta de Galicia veña de denegar a autorización aos parques eólicos Soesto e Monte Chan, recordando que para as localidades da zona este tipo de proxectos supoñerían un duro golpe non só para a natureza e intereses veciñais, senón para a toda a actividade económica derivada do turismo ,da que de maneira directa e indirecta dependen moitas familias na bisbarra.

Neste punto paga a pena sinalar que aparte dos dous proxectos ahora cancelados de facto, o parque eólico Pena dos Mouros pretende instalar oito aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa nunha zona de máxima sensibilidade ambiental e tamén na contorna da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, que situado entre Laxe e Vimianzo está amparado polo Decreto autonómico 294/2008, que recoñece á paraxe como "unha paisaxe singular que destaca pola súa beleza" e que "as penas non son únicamente pedras amorfas e sen valor" senón "elementos figurativos, perceptuais e culturais das paisaxes".

No referente á protección da biodiversidade é necesario sinalar, ademáis, que o parque está na área de distribución potencial da subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitatica Steinbacher), en perigo de extinción e afecta ás zonas 1,2 e 3 do Plan de Xestión do lobo en Galicia.

A maior problemática, sen embargo, está na proximidade de espazos da Rede Natura 2000 ao proxecto de EDP Renovables, pois atópase no seu punto máis cercano a tan só 125 metros da Zona Especial de Conservación (ZEC) Costa da Morte (código ES1110005) e a 285 metros da Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) Costa da Morte Norte, que conta coa presenza de ata nove especies catalogadas en situación de "Vulnerable" segundo os catálogos oficiais da lexislación galega e estatal.

Doutra banda, a propia empresa ven de detectar nos traballos de campo nove especies de morcegos, das cales tres están catalogadas como "Vulnerable" a nivel de conservación na lexislación estatal e autonómica.

PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS ATA O 20 DE ABRIL

A documentación do parque eólico Pena dos Mouros pode consultarse online en ir.gl/eolicopenadosmouros e as alegacións públicas xerais preparadas pola Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana estarán dispoñibles para o seu envío á Administración a partir do próximo 10 de abril en ir.gl/alegapenadosmouros. O prazo de entrega finaliza o próximo xoves 20 de abril.

(31.3.2023)