A actuación de asociacións, plataformas, grupos políticos e particulares foi determiñante para lograr que este polémico proxecto que EDP Renovables pretendía instalar entre as localidades coruñesas de Cabana de Bergantiños e Zas non superase o trámite ambiental.
![]() |
Zona afectada polo parque eólico Monte Agrelo e Muriño, que finalmente ven de recibir unha Declaración de Impacto Ambiental negativa (Foto: Asociación Salvemos Cabana) |
Neste senso, tanto o Instituto de Estudos do Territorio como a Dirección Xeral de Patrimonio Natural veñen de corroborar as decenas de alegacións presentadas no referente aos graves impactos que este proxecto causaría á paisaxe da Costa da Morte e a imposibilidade da súa integración cos distintos elementos do patrimonio natural e cultural, a afección á biodiversidade e os efectos sinérxicos e acumulativos con outros proxectos eólicos da contorna.
A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana xa denunciara no seu momento que os sete aeroxeradores de 200 metros de altura en punta de pa do parque eólico Monte Agrelo e Muriño prexudicarían directamente a algúns das mellores contornas rurais de Galicia ao atoparse o proxecto na área de afección visual de monumentos coma o Dolmen de Dombate, as Torres do Allo ou lugares de alto valor etnográfico e patrimonial como San Fins do Castro. De feito, a propia empresa promotora recoñecera un elevadísimo nivel de impacto cunha visibilidade total calculada superior ás 37.000 hectáreas.
Doutra banda, a zona onde pretendía instalarse o proxecto conta coa presenza da tartaraña cincenta (Circus pygargus), especie catalogada como "Vulnerable" a nivel estatal e autonómico e as infraestruturas do parque eólico atoparíanse dentro da área de distribución potencial da subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitatica Steinbacher), actualmente en perigo de extinción. De igual maneira, afectaría a seis especies ameazadas de quirópteros presentes na poligonal.
Finalmente, a instalación desta iniciativa enerxética tamén podería carrexar unha problemática a longo prazo para as áreas residenciais afectadas pois alén dos estudos acústico e de parpadeo de sombras presentados pola promotora, a empresa non avaliou os potenciais efectos do parque eólico sobre a saúde da poboación residente nas zonas máis próximas aos aeroxeradores, tal e como sería recomendable dacordo coas directrices da Dirección Xeral de Saúde Pública.
Por todos estes motivos Salvemos Cabana celebra que alomenos neste caso, e debido ao invasivo do proxecto, veña de primar a cordura coa negativa ambiental ao parque eólico Monte Agrelo e Muriño, máis tendo en conta a falta de control que trascende de moitos outros plans enerxéticos dispersos por todo o territorio galego que levantaron ás comunidades en defensa da súa terra e os seus dereitos máis elementais.
(1.4.2023)