Salvemos Cabana pide non baixar a garda ante o anuncio de que o Goberno galego non autorizará o parque eólico Pena dous Mouros e chama a inundar a Xunta de alegacións contra o proxecto de EDP Renovables
A noticia da presumible cancelación do proxecto, que hoxe avanza El Correo Gallego, marca un fito na preservación ambiental de Galicia e podería supoñer a protección efectiva dos Penedos de Pasarela e Traba fronte á ameaza deste e futuros proxectos enerxéticos, ademais dun impulso definitivo á conservación de todos os espazos pertencentes á Rede Natura 2000 na zona.
![]() |
A Costa da Morte necesita protección e respecto, non máis parques eólicos (Foto: Asociación Salvemos Cabana) |
A pesar de que todo indica que este feito farase realidade, a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana chama a non baixar a garda e inundar á Administración de alegacións, e a tal fin lembra que puxo ao dispor de todas aquelas persoas interesadas un escrito listo para a súa entrega en ir.gl/alegapenadosmouros, concluíndo o prazo de envío á Xunta este xoves 20 de abril.
O texto realiza en 16 páxinas unha análise pormenorizada da documentación do parque eólico de EDP Renovables nos todos os ámbitos do mesmo, que van desde a súa conveniencia no actual contexto enerxético de Galicia ata o impacto do proxecto sobre paisaxe, biodiversidade e ámbito social e económico.
O documento, de feito, detalla a xustificación que supostamente vai utilizar o Goberno galego para non autorizar ambientalmente o proxecto, pois Salvemos Cabana considera que a plan deseñado pola empresa pasa por alto e de maneira notoria algunhas das recomendacións do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que en 2020 deu a coñecer un conxunto de directrices elaboradas pola Rede de Autoridades Ambientais, constituída a proposta da Comisión Europea e coordinada polo propio organismo.
Neste sentido, os especialistas avogan por evitar proxectos que se desenvolvan en áreas onde prexudiquen as estratexias de desenvolvemento local ou rural do territorio "ou sexan incompatibles con outras formas de desenvolvemento sostible susceptibles de xerar máis emprego ou de fixar máis poboación no medio rural".
De igual maneira, debe evitarse a instalación de parques eólicos "que xeren gran rexeitamento na poboación local" e que instalen as súas infraestruturas a menos de dous quilómetros de núcleos habitados e áreas con usos sensibles como o residencial, sanitario, docente ou cultural.
Por outra banda, as autoridades consideran que tampouco deben instalarse este tipo de proxectos enerxéticos en espazos pertencentes á Rede Natura 2000 e a súa contorna inmediata con radios de protección que oscilan ata os 5 quilómetros para zonas especiais de conservación (ZEC) e de ata 10 en zonas de especial protección para as aves (ZEPA) con presenza de especies protexidas de quirópteros.
Ademais, os técnicos consideran que non debe afectarse a lugares de interese xeolóxico -como no caso dos Penedos de Pasarela e Traba-, e que tampouco deben instalarse parques eólicos "na contorna de paisaxes naturais ou culturais protexidos, de áreas con obxectivos de calidade paisaxística ou de áreas englobadas en catálogos de paisaxes singulares ou sobresaíntes".
FALTA DE LICENZA SOCIAL
Finalmente, hai que destacar que o proxecto do parque eólico Pena dous Mouros tamén ignora as recomendacións da propia Xunta de Galicia no que a licenza social se refire, pois a "Guía de criterios de integración paisaxística de parques eólicos" publicada pola Administración autonómica explicita que "estase a estender no ámbito internacional o concepto da consecución da SLO (Licenza Social para Operar) como marco útil no desenvolvemento eólico". Nesta liña, a promotora non expón ningún sistema de validación social respecto diso anunciando en cambio un plan de visitas guiadas a posteriori co parque eólico unha vez instalado polo que a aprobación previa da poboación, que neste caso debe considerarse esencial, é completamente inexistente.
Neste punto é necesario ter presente que as propiedades particulares dos residentes na área de influencia dun parque eólico, como vivendas e terreos edificables, baixan a súa valoración económica de maneira notable unha vez instalado o proxecto, porque á fin e ao cabo ninguén quere vivir de maneira consciente coa problemática derivada da instalación de aeroxeradores de grandes dimensións na proximidade da zona onde ten establecida a súa vivenda e proxecto vital.
(19.3.2023)