Saltar ao contido principal

Salvemos Cabana insta á Xunta a denegar a autorización ambiental ao parque eólico Pena dos Mouros polo seu impacto negativo sobre un dos principais corredores migratorios de avifauna a nivel mundial

A asociación de defensa ambiental considera que a implantación do proxecto de EDP Renovables entre os concellos coruñeses de Laxe, Vimianzo e Camariñas é claramente incompatible coa protección da biodiversidade.

Espazo costeiro-marítimo afectado polo parque eólico Pena dos Mouros (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

Neste senso, a cercanía do plan enerxético -de apenas un quilómetro- á Zona de Especial Protección para as Aves do espacio mariño Costa da Morte (código ES0000497) podería prexudicar a especies únicas a nivel mundial, pois este espazo marítimo que ocupa unha vasta superficie da plataforma continental desta zona de Galicia configura un embude migratorio no que se estima que pasan máis dun millón de aves mariñas durante a súa migración postnupcial entre o verán e o outono. Na meirande parte dos casos proceden do norte de Europa e a rexión siberiana occidental pero tamén hai presenza de especies mediterráneas (furabuchos balear, Puffinus mauretanicus), neárticas (gaivota de Sabine, Larus sabini) e do hemisferio Sur (pardela escura, Puffinus griseus).

Doutra banda, a elevada produtividade biolóxica da zona a converte nunha importante área de alimentación tanto para especies migratorias como locais (reprodutoras e invernantes) . Os datos oficiais indican que entre as reprodutoras locais destacan a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla) e o arao común ibérico (Uria aalge ibericus) pero a área tamén conta con colonias de paíño europeo (Hydrobates pelagicus) e corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis aristotelis).

Segundo as "Directrices de xestión e seguimento" desta ZEPA, redactadas a partir das "Directrices de Conservación da Rede Natura 2000 en España" aprobadas en 2011 polo Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino distínguense 20 especies clave "cuxa conservación na ZEPA resulta prioritaria debido a que os seus valores poboacionais, estatus de ameaza ou representatividade xustifican a importancia ornitolóxica da área a nivel nacional e internacional".

Ata a propia empresa promotora recoñece que especies coma o mourelo común (Melanitta nigra), a gaivota escura (Larus fuscus), o carrán común (Sterna hirundo), a mobella pequena (Gavia stellata), o gaivotón atlántico (Larus marinus), o carrán cristado (Sterna sandvicensis), o carrán pequeno (Sterna albifrons), a gaivina negra (Chlidonias niger), o mergo cristado (Mergus serrator), a gaivota tridáctila (Rissa tridactyla), o arao carolo (Alca torda), o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis aristotelis), a gaivota de patas amarelas (Larus michahellis) e a gaivota de cabeza negra (Larus melanocephalus), polos seus hábitos de achegarse á costa poderían verse afectadas, e que no caso doutras como a pardela cincenta atlántica (Calonectris diomedea borealis) e o furabuchos balear (Puffinus mauretanicus) poderían verse seriamente ameazadas polos parques eólicos debido ao risco de colisión e a perda de hábitat. Pola súa banda o furabuchos atlántico (Puffinus puffinus) e o paíño europeo (Hydrobates pelagicus) son ademáis sensibles á contaminación lumínica, podendo ser polo tanto prexudicadas polas balizas luminosas dos aeroxeradores.

A SITUACIÓN É REALMENTE MOITO MÁIS GRAVE PARA AS AVES

A situación anteriormente descrita, sen embargo, é moito máis grave tendo en conta que no seu punto máis cercano, o parque eólico Pena dos Mouros encontraríase segundo proxecto a tan só 285 metros da ZEPA Costa da Morte Norte (código ES0000176) na que se atopan nove especies de aves catalogadas como "Vulnerable" ou superior segundo a lexislación autonómica e estatal. Ademáis o parque eólico pretende desenvolverse na área de distribución potencial de dúas especies en perigo de extinción, a subespecie lusitanica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitatica Steinbacher) e a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), ambas presentes a menos de dous quilómetros da instalación. 

UN PROXECTO INVIABLE A NIVEL AMBIENTAL

Estas e outras moitas circunstancias indican o camiño a seguir a calquera Administración que se considere responsable, que non é outro que o de confirmar a inviabilidade do proxecto a nivel ambiental, sobre todo tendo en conta que ademáis a instalación dun parque eólico na zona pode crear un efecto barreira moi problemático -e incluso insalvable- para a avifauna, pois este tipo de proxectos supoñen unha clara obstrucción ao seu movemento, xa sexa en rutas migratorias ou en áreas que utilizan para alimentación e repouso. Como sinalan os expertos este "efecto barreira" pode ter graves consecuencias para o éxito reprodutor e a supervivencia das especies debido a que as aves, ao intentar evitar os parques eólicos, sofren un maior gasto enerxético que pode conducir ao seu debilitamento e eventual desaparición.

PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS ATA O 20 DE ABRIL

As alegacións públicas xerais preparadas pola Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana están dispoñibles en ir.gl/alegapenadosmouros. O prazo de entrega administrativo remata o próximo xoves 20 de abril.

(9.4.2023)