O proxecto do parque eólico mariño Breogán constata na súa área de estudo a presenza de 14 especies en perigo de extinción e decenas en situación vulnerable, o que aconsella unha actuación responsable e o rexeitamento á iniciativa por parte do MITECO
O plan de Capital Energy, que ata o próximo 1 de xuño atópase en fase de consulta previa, implicaría a instalación nunha zona de máxima sensibilidade ambiental do norte das provincias da Coruña e Lugo de 34 aeroxeradores flotantes de 15 MW e 261 metros de altura en punta de pa da que a día de hoxe está considerada unha das turbinas eólicas máis grandes do mundo a nivel comercial, a Vestas V236.
|  | 
| A tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) é unha das especies que pode verse afectada polo parque eólico mariño Breogán (Foto: Roger Le Guen) | 
Todo iso no ámbito de influencia de ata 11 espazos pertencentes á Rede Natura 2000 e protexidos como ZEC/ZEPA, como no caso da Zona de Especial Protección para as Aves Espazo Mariño Punta Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares (código ES0000495), que pola súa proximidade sería o máis afectado polo plan enerxético da compañía.
Segundo a documentación sometida a consultas, e sobre a que a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana está a preparar un documento-resumen de alegacións que poñerá ao dispor do público a partir do 27 de maio en ir.gl/alegainiciobreogan, na área de estudo contemplada pola promotora para as distintas variantes do proxecto e as súas infraestruturas asociadas inclúense decenas de especies de flora e fauna catalogadas en situación "Vulnerable", e ata 14 delas en perigo de extinción.
Así, a nivel de fauna oceánica, tanto a lamprea mariña (Petromyzon marinus) como a tartaruga de coiro (Dermochelys coriacea) poderían verse seriamente prexudicadas, pero aves como a cerceta común (Anas crecca), o sisón (Tetrax tetrax), o pernileiro europeo (Burhinus oedicnemus) ou a escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus), tamén aparecen reflectidas na zona de estudo contemplada pola empresa no que á instalación de infraestruturas asociadas se refire. Nun caso equivalente está un gasterópodo como o caracol de Quimper (Elona quimperiana), o mexillón de río (Margaritifera margaritifera) ou de maneira máis sorprendente incluso o oso pardo cantábrico (Ursus arctos).
Na lista, ademais, atópanse tamén especies vexetais como a Centaurea borjae, que é un endemismo galego que ocupa áreas costeiras, o fento colchoneiro (Culcita macrocarpa), unha fanerógama como o Eryngium viviparum, a subespecie gallaecica da Omphalodes littoralis ou a Labaça de ribeira (Rumex rupestris).
Non hai que esquecer, con todo, que nun parque eólico offshore destas características a peor parte levarana aves, mamíferos e outras especies mariñas, que na área de estudo do proxecto contan con numerosas especies ameazadas.
ANTE A CRISE DE BIODIVERSIDADE ACTUAL, O MITECO DEBE ACTUAR DE MANEIRA RESPONSABLE E NON AUTORIZAR O PROXECTO
Debido a todos estes motivos, e ante a crise de biodiversidade que está a vivir o planeta e que é equiparable ao problema xerado polo cambio climático, o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico debe actuar con responsabilidade e non autorizar o parque eólico mariño Breogán contemplando neste caso a Opción Cero ou de non realización, máis ao tratarse dunha contorna dun valor natural incalculable.
Convén non esquecer que os ecosistemas -e a biodiversidade que conteñen- son sumidoiros naturais de carbono e resultan en se mesmos indispensables para loitar contra o cambio climático. Ademais, non se pode tentar solucionar un problema como o cambio climático agravando outro: o da supervivencia da vida salvaxe no planeta.