A instalación do parque eólico mariño Breogán é incompatible coa protección do principal corredor migratorio de avifauna de Europa
A documentación do proxecto, que se atopa en fase inicial de información pública ata o próximo 1 de xuño, demostra que a Zona de Especial Protección para as aves (ZEPA) Espazo mariño de Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares verase especialmente afectada polo desenvolvemento do proxecto offshore de Capital Energy debido á súa proximidade á zona de implantación e podería supoñer un obstáculo insalvable para as aves mariñas, que cada ano pasan en números que superan o millón de exemplares durante a súa migración postnupcial entre os meses de agosto e novembro, o que converte á área nunha referencia a nivel continental.
![]() |
Máis da metade da poboación mundial do mascato (Morus bassanus) pasa polo corredor migratorio afectado polo parque eólico mariño Breogán durante a súa migración anual. |
Entre outras moitas especies, esta ZEPA alberga 17 taxóns clave de conservación prioritaria, aves cuxa supervivencia resulta fundamental debido aos seus valores poboacionais, status de ameaza ou representatividade e que xustifican a súa importancia ornitolóxica a nivel nacional e internacional.
Así, o mourelo común (Melanitta nigra), a pardela cincenta atlántica (Calonectris diomedea borealis), a pardela escura (Puffinus griseus), a furabuchos atlántico (Puffinus puffinus), o furabuchos balear (Puffinus mauretanicus), o mascato común (Morus bassanus), o corvo mariño cristado (Phalacrocorax aristotelis aristotelis), a palleira pomarina (Stercorarius pomarinus), a palleira rabilonga (Stercorarius longicaudus), a palleira parasita (Stercorarius parasiticus), a palleira grande (Stercorarius skua), a gaivota de cabeza negra (Larus melanocephalus) e a gaivota de Sabine (Larus sabini), gaivota escura (Larus fuscos), o carrán cristado (Sterna sandvicensis), o carrán común (Sterna hirundo) e o carrán pequeno (Sterna albifrons) representan o abanico ornitolóxico dunha área de protección inigualable na demarcación mariña da península ibérica.
De entre estes 17 taxóns, unicamente o mourelo común, o palleira rabilonga, a gaivota de Sabine e a gaivota escura non quedan recollidos na Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESRPE). Ademais o furabuchos balear, o furabuchos atlántico e o corvo mariño cristado aparecen no Catálogo Español de Especies Ameazadas (CEEA) baixo a categoría de en perigo de extinción (EN) –a primeira- e vulnerable (VU)- as dúas últimas. Neste senso, o furabuchos balear atópase ameazado a nivel mundial segundo os datos da Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), sendo cualificada como "en perigo crítico de extinción".
Por outra banda, a ZEPA e a súa área de influencia constitúen unha área crave para a migración do mascato, que é con diferenza a especie máis numerosa, pois se estima que máis da metade da poboación mundial desta especie pasa por estas augas durante a súa migración anual.
13 DE MAIO, UN DÍA PARA REFLEXIONAR SOBRE A IMPORTANCIA DAS AVES MIGRATORIAS E A SÚA PROTECCIÓN
Precisamente este 13 de maio celébrase o Día Mundial das Aves Migratorias, que é unha campaña anual de sensibilización que incide na necesidade de conservar a calquera prezo estas especies e os seus hábitats, resaltando as ameazas ás que se enfrontan durante o seu periplo anual e a súa importancia ecolóxica.
É preciso lembrar que os parques eólicos mariños supoñen un obstáculo insalvable para as aves migratorias, e que as medidas de disuasión/protección que compañías como Capital Energy publicitan nos seus plans offshore non impiden que o impacto sobre a avifauna sexa totalmente inasumible a nivel de conservación, sobre todo tendo en cuenta a elevada superficie de ocupación do parque eólico mariño Breogán, que con 510 MW de potencia instalada e 34 turbinas eólicas de 261 metros de altura en punta de pa alcanzaría segundo proxecto os 84 quilómetros cadrados de extensión ao norte da ZEPA Mariña Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira-Estaca de Bares, que linda con outras dúas zonas protexidas a nivel europeo como son a ZEPA Ría de Ortigueira e Ladrido e a ZEPA Costa da Mariña Occidental.
![]() |
Cartel do Día Mundial das Aves Migratorias 2023 / WMBD |
A PROTECCIÓN DAS ÁREAS MIGRATORIAS TRANSFRONTEIRIZAS DAS AVES É TAREFA DE TODOS OS PAÍSES
As
aves, que non entenden de fronteiras internacionais durante as súas
migracións, requiren dun hábitat en boas condicións para progresar e
reproducirse, así como unha rede de sitios adecuados para apoiar as súas
viaxes anuais. Por tanto, a cooperación internacional en toda a súa
área de distribución migratoria é esencial para a conservación e xestión
das súas poboacións e os hábitats dos que dependen, algo que o Goberno
de España, sen dúbida, non debería esquecer.
O MITECO DEBE PRIMAR O PRINCIPIO DE PRECAUCIÓN AO INTERESE COMERCIAL DAS GRANDES EMPRESAS ENERXÉTICAS
Tendo todos estes datos en conta, o Ministerio para a Transición Ecolóxica debe primar, ante todo, a conservación, aplicando o Principio de Precaución e non autorizando o parque eólico. É urxente, ademais, que a Administración realice unha modificación dos Plans de Ordenación do Espazo Mariño (POEM) para incluír áreas como a afectada polo proxecto Breogán como o que realmente son: zonas de alto potencial para a conservación da biodiversidade.
PRESENTACIÓN DE ALEGACIÓNS ATA O 1 DE XUÑO
As alegacións públicas xerais preparadas pola Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana ao documento ambiental inicial do parque eólico mariño Breogán estarán dispoñibles en ir.gl/alegainibreogan a partir do 27 de maio. O prazo de entrega administrativo finaliza o vindeiro xoves 1 de xuño.
(13.5.2023)