Saltar ao contido principal

Eleccións locais 2023: Salvemos Cabana pide non votar a candidatos/as que non defendan o interese veciñal fronte ás grandes empresas do sector eólico

A asociación considera que é fundamental elixir propostas electorais comprometidas coa defensa do medio ambiente e promovan a sustentabilidade, o ben común e a preservación dos valores naturais e culturais dos concellos.

Antes de exercer o dereito ao voto cómpre reflexionar sobre os concellos que queremos (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

En particular, hai que destacar a relevancia de votar por candidatos/as que defendan o interese veciñal fronte ás grandes empresas do sector eólico e as súas filiais pois aínda que unha parte da clase política respalda este tipo de proxectos enerxéticos como unha das claves para lograr a descarbonización da economía, os plans destas compañías non deben pasar en ningún caso por riba da poboación e do territorio que habita, pois se ben as empresas eólicas poden desempeñar un papel na transición cara a unha economía baixa en carbono é fundamental que a súa expansión se leve a cabo co respecto a quenes viven nas zonas afectadas e nunha relación equilibrada coa conservación do medio ambiente e a protección dos ecosistemas, algo que en Galicia non está a suceder nunha gran maioría de casos.

Debido a iso, a elección de candidaturas involucradas coa defensa do territorio, que se comprometan a velar polo cumprimento de estándares ambientais rigorosos, fomenten a participación cidadá na toma de decisións e promovan a conservación dos espazos naturais e a biodiversidade é esencial non só para a gobernanza dos municipios, senón tamén para o benestar da poboación.

POR UNHA ACTUACIÓN RESPONSABLE DA CLASE POLÍTICA

Fronte ao descontrol na instalación de proxectos eólicos faise necesario lembrar que os Gobernos locais desempeñan un papel fundamental no desenvolvemento e benestar das comunidades como responsables da planificación e xestión dos servizos á poboación e que cando os candidatos electorais priorizan o interese público fronte ao beneficio privado das multinacionais están a comprometerse cos seus votantes nun exercicio de transparencia, honestidade e responsabilidade. Porque non se trata de chegar ao poder político e beneficiarse del, senón de servir á cidadanía e tomar decisións que redunden en beneficio da comunidade, non do interese comercial das grandes empresas do oligopolio eléctrico.

(21.5.2023)