Saltar ao contido principal

A nova lei de recursos naturais tramitada pola Xunta supón un verdadeiro "cabalo de Troia" a nivel territorial ao permitir a instalación de proxectos enerxéticos fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia

A nova lei da Xunta pode fomentar aínda máis o espolio enerxético de Galicia / Salvemos Cabana

A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana urxe a presentar alegacións ao anteproxecto da "Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia" ao considerar que esta norma pode supoñer un asedio sen precedentes ao territorio cunha nova onda de parques eólicos e minas.

O Goberno do PP anuncia a bombo e platillo desde a Xunta unha lei que demostra que ou ben os seus impulsores descoñecen a situación que a día de hoxe están a vivir as comunidades afectadas no territorio galego por proxectos extractivos ou ben pretenden impoñer, cun cinismo sen límites, unha planificación industrial na que a realidade sobre o terreo para nada vai corresponderse coa declaración de intencións do seu articulado.

Así, o borrador do anteproxecto de lei fala de conceptos como "tecnoloxía avanzada", o "respectar estritamente as cautelas ambientais" ou unha "adecuada valoración do impacto social e económico" mentres que comunidades prexudicadas por toda Galicia están a vivir xustamente o contrario coas empresas eólicas e mineiras: tecnoloxías terceiromundistas, deficiente ou nulo control ambiental, inxustiza continuada a nivel social e grave prexuízo económico.

PREOCUPACIÓN NO ÁMBITO EÓLICO

No plano eólico preocupa extraordinariamente, sen embargo, o que se contempla no artigo 17 en relación coa declaración de proxectos de "especial interese público social e económico", onde tal declaración "implicará a posible implantación" dos parques eólicos "fóra das áreas incluídas no Plan sectorial eólico de Galicia" sempre que se considere "ambientalmente viable" e se dea cumprimento a determinados requisitos.

Destacado do anteproxecto de Lei publicado polo Goberno galego
Aínda que a norma non aclara a prevalencia en relación coa protección da Rede Natura, isto significa que na práctica todo o territorio galego é susceptible de ser invadido por aeroxeradores sempre que se cumpran determinadas condicións, a principal das cales é o suposto impacto económico, que pode facultar á Administración autonómica para impoñer proxectos por encima do lexítimo interese dos poboadores do territorio.

Por outra banda, o texto xa advirte que estes efectos, que poden converter a toda Galicia nun pozo extractivo sen taxa, "estenderanse a todas aquelas infraestruturas asociadas" que a nivel enerxético ou mineiro a Xunta entenda que acreditan "especiais beneficios sociais e económicos", gozando entón de tramitación de urxencia e reducindo á metade "os prazos establecidos para o procedemento ordinario".

Fronte a isto, só cabe a protesta social e o exercicio da verdadeira política no Parlamento de Galicia, así como a actuación individual e colectiva presentando alegacións ao anteproxecto de Lei, cuxo prazo de entrega termina o día 6 de xuño e é accesible desde ir.gl/formulariolrn.

Pola súa banda, a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana puxo a disposición do público en ir.gl/alegalrn un modelo xeral de alegacións á norma susceptible de ser modificado e enriquecido coas achegas da cidadanía.

(4.6.2023)