Saltar ao contido principal

O negocio especulativo das renovables mostra a verdadeira realidade dos parques eólicos en Galicia

Galicia necesita un modelo enerxético democrático e equitativo, moi alonxado do "capitalismo de casino" existente na actualidade (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

Entidades sociais e plataformas veciñais de afectados polos proxectos enerxéticos mostran o seu estupor fronte ao "capitalismo de casino" despregado por grandes empresas vinculadas ao oligopolio no que a compra/venda de megawatts (MW) non ten que ver nin co proceso de descarbonización nin co concepto de "industrialización para o desenvolvemento" vendido pola patronal do sector senón co máximo rendemento das súas contas de resultados.

Así, mentres a Asociación Eólica de Galicia (EGA) e a Asociación Empresarial Eólica (AEE) redobran os seus esforzos con entidades afíns por presentar en público unha realidade ideal da enerxía eólica en Galicia que ignora de maneira voluntaria cal está a ser a raíz do problema, colectivos e particulares non saen do seu asombro ante o proceso especulativo que se está a vivir ao redor deste tipo de proxectos.

Neste sentido, este mesmo verán Greenalia vendeu á enerxética francesa Engie 182 MW renovables de parques eólicos y solares en Galicia e Andalucía, en fase de desenvolvemento e aínda sen construir. Fontes da  compañía indicaron sen nengún tipo de rubor nun comunicado que "os fondos obtidos por este movemento utilizaranse para acelerar e consolidar o desenvolvemento do plan de negocio de Greenalia".

Este comportamento, que é a norma e non excepción entre as grandes enerxéticas, é equivalente ao desenvolvido pola multinacional portuguesa EDP Renovables, que acaba de vender á austríaca Verbund 257 MW de proxectos eólicos en distintas zonas da península ibérica e demostra que o "capitalismo de casino" forma parte da operativa habitual destas empresas e que ao final a situación actual non vai nin de "descarbonización" na loita contra o cambio climático nin de "industrialización" para o desenvolvemento de Galicia nin calquera outro lugar, senón de negocio puro e duro.

Aínda que para a patronal eólica "a produción da enerxía obedece a un interese xeral público superior" á vista de feitos semellantes podería dicirse que a especulación de proxectos renovables non obedece en absoluto a "interese público" algún senón ao desexo de directivos e accionistas destas empresas de obter o máximo rendemento económico no menor tempo posible.

Por desgraza faise necesario lembrar unha vez máis neste punto que o actual modelo de desenvolvemento eólico existente en Galicia non é exemplar, ordeado nin sostible, e que debido aos cambios normativos introducidos dende o PP no Goberno da Xunta coas leis 3/2017, de formento de implantación de iniciativas empresariais e a 9/2021, de simplificación administrativa, é calquera cousa menos "garantista" para a cidadanía polo recorte de dereitos que conlevan na práctica.

Por iso as "consecuencias catastróficas" ás que alude a patronal eólica coa presunta "paralización do sector" non son para Galicia, senon para o seu negocio millonario e non poñen en xaque á industria senón as súas contas de resultados.

Galicia, en contraste, necesita un modelo enerxético que sexa verdadeiramente democrático e equitativo, onde se compense de maneira xusta aos propietarios e ao territorio en si mesmo e onde a declaración de utilidade pública non poda utilizarse como mazo de ferreiro polas grandes empresas do oligopolio enerxético. Só entón poderá falarse de "garantismo" no proceso, alto que neste momento non sucede.

(30.7.2023)