A realidade desminte as afirmacións do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia sobre os parques eólicos: a tramitación fragmentada de proxectos é unha clara fraude de lei
A división indebida dun proxecto unitario en determinado número de segmentos de potencia instalada inferior a 50 MW para evitar o control ambiental do Estado, moito máis riguroso, é un feito evidente dende o momento en que a ubicación de determinadas centrais eólicas é proxima compartindo titularidade, liña de evacuación, subestación eléctrica e, en ocasións, ata denominación por fases (I, II, III, etc.).
![]() |
O fraccionamiento de proxectos eólicos é un claro fraude de Lei de dificulta a correcta avaliación das súas repercusións ambientais (Foto: Asociación Salvemos Cabana) |
A propia lexislación deixa ben claro este feito a todos os efectos, pois o artigo 5 da Lei 24/2013, de 26 de deccembro, do Sector Eléctrico, di que "forman parte da instalación de produción as súas infraestruturas de evacuación, que inclúen a conexión coa rede de transporte ou de distribución e, no seu caso, a transformación de enerxía eléctrica".
Por iso, cando as empresas enerxéticas empregan de maneira interesada a acción de fragmentar un proxecto maior en varios segmentos de menor entidade, o adecuado é realizar unha avaliación conxunta dos subproxectos conforme ao disposto na Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental pois "con caracter xeral cada procedemento de avaliación ambiental deberá referise a un único proxecto".
Na práctica, a fragmentación de proxectos de parques eólicos dificulta e compromente a adecuada avaliación das súas repercusións ambientais promovendo que se minusvaloren os seus impactos sinérxicos e acumulativos sobre o territorio e a poboación afectada por este tipo de plans enerxéticos.
SENTENZAS XUDICIAIS NON SÓ EN GALICIA
Aínda que quizás a patronal eólica e neste caso o ICOIIG o olviden, non só o TSXG ven de actuar neste senso, senón que o camiño xa o marcaron dende fai anos outros entes xudiciais coma o Tribunal Superior de Justicia de Castilla y León, que na súa sentenza 1448/2009 sobre un proxecto de ENDESA sinala que na avaliación de impacto ambiental de proxectos eólicos "téñense que ter en conta os efectos sinérxicos e acumulativos das demáis instalacións existentes, da liña de evacuación xeral e da subestación colectora", isto é, "todos os elementos que o parque eólico precise para que funcione, así como a súa incidencia en relación cos demáis existentes".
O mesmo tribunal posiciónase na súa sentenza 333/2010, recordando que si existen vínculos en proxectos eólicos "os mesmos deben tratarse como unha sola solicitude" pois a fragmentación de proxectos "infrinxe as disposicións da Directiva 85/337/CEE, modificada por la Directiva 97/11/CE e a xurisprudencia do Tribunal de Xustiza" a efectos da avaliación de impacto ambiental.
(8.8.2023)