Saltar ao contido principal

Día Internacional das Montañas: protexendo o noso tesouro natural fronte ao impacto negativo da enerxía eólica en Galicia

A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana únese ao lema promovido pola FAO en 2023 ("Restauración dos ecosistemas de montaña"), que pretende sensibilizar sobre a importancia da presentación destas áreas e a súa protección fronte ás ameazas externas.

Os montes e montañas determinan a vida das poboacións e ofrecen numerosos servizos ecosistémicos. Na imaxe, vista do Monte Castelo dende o esteiro do Anllóns / Foto: Asociación Salvemos Cabana

Neste senso, resulta fundamental preservar estas maxestuosas contornas que representan unha fonte vital de biodiversidade e servizos ecosistémicos porque os montes e montañas son lugares que albergan unha gran diversidade de flora e fauna, ademáis de proveer recursos hídricos fundamentais para a natureza e as persoas.

Por iso, se ben a instalación de parques eólicos no actual contexto pode ser considerada como unha das opcións do mix enerxético para a descarbonización resulta inaceptable que en aras do maior beneficio para as empresas do oligopolio se esté a compromete a integridade dos outeiros, cimas, montes e montañas.

O feito constatable é que a integración paisaxística de cadeas de aeroxeradores de última xeración que superan ampliamente os 200 metros de altura en punta de pa é sinxelamente imposible, ao que hai que engadir o resto de infraestruturas exerxéticas (tendidos eléctricos, subestacións), que contribúen a encher o territorio de cicatrices imposibles de ocultar.

Porque a implantación dos parques eólicos en Galicia está a ser desordeada e sumamente desequilibrada e conceptos coma o de a utilización das "mellores técnicas dispoñibles" ou de "respecto ás cautelas ambientais" convertéronse en moitos casos en xustamente o contrario pola falta de control da Xunta: deficiente ou nulo control ambiental e inxustiza continuada para as comunidades.

E fronte á realidade está o cinismo cómplice da patronal e quenes de maneira comprensible ou incomprensible a defenden, que agora din que a actuación eólica "é a única onde todo volve ao seu estado primitivo". Sen embargo non hai máis que ver o que aconteceu na Serra do Gontón, en Cabana de Bergantiños ou nos montes de Amil (Pontevedra), onde parte dos seus cumios foron voadas polos aires con explosivos para a implantación de aeroxeradores e elementos de gran valor ambiental e patrimonial coma o Penedo do Castelo ou o monte Acibal víronse arrasados sen posibilidade de restitución.

E isto non o din só as distintas asociacións, plataformas e entidades que están a loitar por preservar o que aún queda, senón que o propio Consello da Cultura Galega alertou de que a maneira na que se está a desenvolver a enerxía eólica en Galicia está a resultar negativa para ámbitos da sociedade como o cultural, o económico, o medioambiental e o patrimonial.

O documento emitido por este organismo consultivo da Administración non deixa lugar a dúbidas e sinala textualmente que a instalación de parques eólicos está a romper "coa imaxe da paisaxe tradicional e coa memoria colectiva dos seus habitantes". Fronte a iso, as afirmacións da patronal eólica son nada.

No Día Internacional das Montañas o Goberno galego e o presidente da Xunta Alfonso Rueda deben reflexionar sobre a calexa sen saída ao que está a conducir ao territorio e aos seus poboadores e pór remedio antes de que a situación sexa irreversible. Ampliando a área da Rede Natura como reiteradamente pediu Europa, exercendo o control debido sobre as empresas pero sobre todo escoitando ás comunidades afectadas que son as que realmente están a sufrir as consecuencias desta desmesurada febre por beneficiar as contas de resultados das grandes enerxéticas para que quizáis nun futuro os beneficiadores pasen a ser beneficiarios e entren a formar parte dos seus consellos de Administración, como por desgraza xa sucedeu en demasiados casos.

(11.12.2023)