Saltar ao contido principal

Xornada sobre contaminación lumínica e astroturismo no Dolmen de Dombate: Cabana de Bergantiños investiu 1,6 millóns de euros nun sistema de alumeado público incompatible coa protección do ceo nocturno e a Costa da Morte como destino Starlight

A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana denuncia que o sistema de iluminación municipal, no que nos últimos anos investiuse un elevado presuposto -subvencionado en boa medida a cargo de fondos europeos-, xerou un problema de contaminación luminosa sen precedentes pola utilización de farois led de alta intensidade, nun feito de todo incoherente coa declaración da zona como destino turístico Starlight.

A instalación de farois led de alta intensidade no municipio de Cabana de Bergantiños xerou un problema de contaminación lumínica sen precedentes na zona / Foto: Asociación Salvemos Cabana

No 2022, co alcalde José Muíño Domínguez (PP) como responsable último desta decisión, renováronse máis de 2.700 puntos de alumeado nas parroquias de Cesullas, Canduas, Borneiro, O Esto, Cundíns, Silvarredonda, Riobó, Nantón, Anos e Corcoesto empregando unha tecnoloxía de baixo consumo a nivel enerxético pero moi contaminante a nivel lumínimo, que é claramente incompatible coa protección do ceo nocturno.

Se ben na actualidade a iluminación no rural é importante na vida cotiá das persoas proporcionando visibilidade e seguridade, a proliferación de farois led de alta intensidade sen valorar antes a súa idoneidade, como aconteceu en Cabana de Bergantiños, eestá a xerar un grave problema de contaminación luminosa que afecta negativamente á contorna natural e prexudica seriamente a práctica do astroturismo ,dado que este tipo de sistemas emiten unha luz branca moi brillante que se dispersa fácilmente na atmosfera creando un resplandor luminoso que contamina o ceo nocturno.

Doutra banda, a luz intensa deste tipo de dispositivos pode chegar a causar cegamento tanto para peoos como para condutores conseguindo un efecto totalmente contarrio ao que se busca, chegando en ocasións a provocar a diminución de visibilidade efectiva e aumentando o risco de accidentes. 

Alén desta realidade obxectiva, este tipo de alumamento perturba os ciclos naturais da fauna nocturna alterando os seus patróns de alimentación, reprodución e migración, e todo isto acontece na contorna dunha das principais Zonas de Especial Protección para as Aves de Galicia (ZEPA) Costa da Morte Norte e a Important Bird Area (IBA) Costa da Morte incluídas ambas en parte do ámbito municipal de Cabana de Bergantiños.

A inadecuada iluminación pode condicionar os ciclos naturais da fauna nocturna alterando os seus patróns de alimentación, reprodución e migración / Foto: Asociación Salvemos Cabana

Como conclusión, é necesario sinalar que a instalación a gran escala de farois led de alta intensidade é incompatible coa protección do ceo nocturno e o desenvolvemento do astroturismo ao dificultar a visión das estrelas e outros corpos celestes, limitando e mesmo impedindo a observación do firmamento, impactando de maneira severa na experiencia e calidade da bóveda celeste en condicións de escuridade.

Chama a atención que o alcalde de Cabana de Bergantiños veña de exercer unha vez máis de "mestre de cerimonias" o 12 de xuño no Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate como "salvador" do ceo nocturno da Costa da Morte cando de feito as súas actuacións á fronte do consistorio favoreceron a súa contaminación luminosa. E peor aínda é ter en conta que moi posiblemente o cuantioso investimento de fondos públicos no serviu para nada, pois seguindo as recomendacións dos organismos internacionais de referencia que actualmente tratan o problema da contaminación luminosa, posiblemente os puntos de iluminación municipais teñan que ser novamente substituídos se se pretende que o denominado Destino Turístico Starlight sexa o que non é hoxe en día: un espazo de referencia para a protección e goce do firmamento.

(12.6.2024)