Saltar ao contido principal

A "restauración" da Xunta no Monte Neme, un 'lavado de cara' que ignora décadas de degradación mineira

O proxecto de rexeneración aprobado en 2014 recoñece que a concesión 'Rima', onde existe "o maior oco de explotación" é o lugar "ao que se destinarán a meirande parte dos recursos deste proxecto de abandono e clausura" considerando como restauradas algunhas zonas da antiga explotación metalífera de wolframio e estaño que sobre o terreo presentan un evidente estado de deterioración ambiental.

Impacto ambiental causado pola actividade mineira no Monte Neme (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

Neste senso, o plan de peche atende na súa meirande parte os labores mineiros durante a última etapa de explotación do monte pero non no referente a anteriores épocas extractivas, como sería desexable se o que se pretende é efectuar unha restauración completa e non parcial, como semella ser o caso.

A base da restauración, según aparece no documento, e aínda que "non existen condicionantes á hora de establecer un uso do terreo degradado", consistirá nun "uso gandeiro" propoñendo implantar unha pradeira "que poida ser aproveitada como pastizal ou para recoller forraxe". Sen embargo, non se fai referencia á valoración da contaminación preexistente en solos e augas de anteriores actividades mineiras porque de feito, a actividade mineira levada a cabo no século XX, adicada á explotación metalífera de wolframio e estaño, podería incidir na presencia de residuos indesexados nos solos e augas deste enclave. 

No Monte Neme, os labores mineiros de época moderna datan de 1915, otorgándose a primeira concesión en 1923, explotándose ata 1970 por minería de interior e rematando a mediados da década de 1980 mediante operación a ceo aberto, logrando unha produción de concentrados de wolframita e casiterita, que en 1984 foi de 37,7 e 16,25 toneladas respectivamente.

O principal problema reside en que os filóns, fundamentalmente de seixo, tamén están mineralizados con outros elementos como a calcopirita, a scheelita e a arsenopirita, elementos cuxa meteorización e dispersión ambiental acostuma a ser fonte de problemas na contorna. Hai que recordar que, durante décadas, o tratamento realizado in situ nas instalación do Monte Neme consistiu na trituación e moenda do groso do mineral, para a continuación realizar un proceso de tostado e separación dos concentrados, exportados a través do porto da Coruña, no primeiro caso e levados a Vilagarcía de Arousa para a recuperación do estaño, no segundo.

A suma destes factors (fragmentación rochosa, moenda, procesado) nas condicións anteriormente mencionadas presentan unha serie de potenciais impacto ambientais que deberían de ser valorados á hora de efectuar unha restauración integral. Doutra banda, segue existindo a peligrosidade de parte dos noiros, que nalgúns casos son un factor de perigo sen delimitación.

Tendo en conta a normativa, a realidade é que no Monte Neme, tal e como veñen denunciando tanto Salvemos Cabana e numerosas entidades ambientalistas e sociais dende o 2014, incumpriuse a lexislación que sería aplicable, por a Lei 3/2008, de ordenación da minería de Galicia, estipula que correseponde á Xunta verificar o cumprimento da normativa en calquera tipo de actividade mineira (art.46) e que o funcionariado establecido para tal fin poderá practicas "todas as dilixencias e requerir a información e documentación necesarias para compromar que se cumpren as disposicións legais e regulamentarias" (art. 47).

Asemade, recóllese nos capítulos II e III un réxime sancionador que establece competencias, procedementos e, no seu caso, a toma de "cantas medidas cautelares resulten necesarias" pola vía de urxencia (art.53), o que inclúe tanto medidas de seguridade ou control "que impidan a continuidade na produción do dano".

A Directiva 2006/21/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, sobre a xestión dos residuos das industrias extractivas establece medidas, procedementos e orientacións para previr ou reducir na medida do posible os efectos adversos sobre o medioambiente, a biodiversidade e os riscos para a saúde humana, sinalando de maneira taxativa que "é necesario que os Estados membros garantan que as autoridades competentes organicen un sistema eficaz de inspeccións ou medidas de control equivalentes respecto ás instalacións de residuos das industrias extractivas", algo que no Monte Neme nin se tivo en conta históricamente durante as súas distintas épocas de explotación nin se está a ter en conta en medio da actual fase de abandono cun plan de restauración claramente imparcial e incompleto.

Na mesma liña, a Directiva Europea 2004/35/CE, de Responsabilidade Medioambiental, establece un marco de actuación co fin de previr e reparar os danos causados aos hábitats naturais, a biodiversidade e os recursos hídricos que tamén supoñan un risco importante para a saúde humana. 

Finalmente, o denominado Principio de Cautela ou Precaución, referido no artigo 191 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea, é un dos piares rectores da actuación política na UE e pretende garantir un nivel de protección do medioambiente, a saúde humana e a biodiversidade con tomas de decisión preventivas en caso de risco de que, conforme á situación existente a día de hoxe no Monte Neme, semella non ser moi considerado por parte da actual Administración galega.

(8.2.2026)