Así é a minería "sostible" en Galicia: o plan de restauración do desastre ambiental causado pola actividade extractiva no Monte Neme acumula máis dunha década de retraso
O proxecto de rexeneración aprobado pola Xunta de Galicia data do 2014 e de levarse a cabo con prontitude e eficiencia evitaría en boa medida incidentes coma o sucedido na madrugada do 31 de xaneiro na zona, que ven de provocar unha nova vertedura mineira entre os municipios de Malpica de Bergantiños e Carballo recordando por desgraza os feitos acontecidos aquel ano, cando un aluvión de máis de 24.000 metros cúbicos de auga e lamas afectou aos lugares de Aviño e Razo da Costa logo da rotura dunha das balsas.
![]() |
| Balsa mineira no Monte Neme (Foto: Asociación Salvemos Cabana) |
Á vista dos feitos, o caso do Monte Neme convertiuse nun símbolo do fracaso da chamada minería “sostible” e da súa axenda (“Axenda Galega de Minería Sostible 2030”), que tanto preconiza a Xunta de Galicia ante a falta de eficacia da actual Administración autonómica para facer cumprir a normativa de restauración dos espazos degradados polas actividades extractivas.
Desde o ano 2014 numerosas entidades sociais e ambientalistas advertiran da falta dun control axeitado sobre o espazo mineiro do Monte Neme, reclamando con urxencia o drenaxe e o selado das balsas e o cumprimento da lexislación autonómica e europea.
De feito, en anos posteriores, a propia administración galega chegou a recoñecer que a restauración da zona estaba condicionada por disputas legais coa última concesionaria —Leitosa— e coa súa aseguradora, poñendo en evidencia a ausencia de mecanismos efectivos para garantir investimentos de restauración cando a empresa responsable entra en concurso de acredores.
O ano pasado a Xunta anunciou oficialmente o procedemento de licitación das obras de restauración ambiental da antiga explotación, presupostadas inicialmente en 1,6 millóns de euros, licitadas finalmente por 1,1 e financiadas a través de fondos europeos Next Generation. Pero aínda que as actuacións previstas inclúen a demolición das antigas estruturas de formigón da zona da canteira, o recheo de terreos, a modificación dalgunhas pendentes, a implantación dun sistema de drenaxe e certas áreas de revexetación, estas medidas chegan máis dunha década tarde e prodúcense tras reiteradas denuncias sociais de incumprimentos, atrasos e falta de dilixencia administrativa. Así mesmo, as actuacións plantexadas limítanse a unha parte do complexo e non abordan de forma integral os múltiples focos de impacto ambiental no Monte Neme, non só na actividade relativa á súa época de canteira, senón tamén á actividade metalífera de volframio e estaño iniciada a principios do século XX.
A Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana considera imprescindible que o Goberno galego impulse, sen máis dilacións, unha restauración integral, efectiva e tecnicamente solvente do conxunto do complexo do Monte Neme, establecendo mecanismos de seguimento e control públicos, adoptando todas aquelas medidas administrativas oportunas para evitar que este tipo de situacións volvan repetirse, asegurando o cumprimento estrito da lexislación vixente e a adecuada protección do territorio e da poboación afectada.
(1.2.2026)
