Saltar ao contido principal

A Xunta de Galicia promociona o destino turístico Starlight Costa da Morte ao tempo que fomenta a contaminación luminosa do seu horizonte nocturno coa promoción de parques eólicos

A contaminación luminosa provocada polos parques eólicos na Costa da Morte é máis que evidente (Foto: Asociación Salvemos Cabana)

A Asociación Salvemos Cabana denuncia a contradición entre o discurso institucional do Goberno autonómico, que potencia entre outras a zona para a observación do eclipse de sol do 12 de agosto e o fomento e autorización continuada de proxectos eólicos, que incrementan a contaminación lumínica e o impacto visual na mesma comarca.

A incoherencia é evidente, pois a literatura científica máis recente advirte de que o balizamento lumínico dos aeroxeradores é unha fonte de contaminación luminosa na paisaxe nocturna, con capacidade para alterar valores estéticos, culturais e científicos do ceo estrelado. De feito, un recente estudo científico (Bará e Lima, 2024) conclúe que o brillo destas luces pode superar o de Venus a varios quilómetros e o da estrela máis brillante do ceo nocturno, Sirio, a distancias aínda maiores. Así, ambos especialistas ofrecen un modelo cuantitativo que compara o brillo aparente das luces dos aeroxeradores con obxectos celestes, concluíndo que unha baliza media pode superar o brillo de Venus ata 4 km e o de Sirio ata 10, sendo visible a ollo nu ata os 38 quilómetros de distancia.
Ademais, cómpre ter presente que o alcance do balizamento nocturno dos parques eólicos non é só un asunto estético, senón que a contaminación luminosa pode alterar os ritmos circadianos de seres humanos e animais, interferindo nos ecosistemas e dificultando a observación astronómica tanto a nivel profesional como afeccionado. Tamén afecta á experiencia cultural e recreativa do ceo estrelado, que é un patrimonio compartido de moitas comunidades rurais en zonas como a Costa da Morte.

Esta preocupación non é só teórica, senón que investigacións realizadas en Galicia sobre outros contornos costeiros protexidos como as illas Cíes xa subliñaron que o control e seguimento da contaminación luminosa é clave para o benestar ambiental e humano, e que os selos Starlight esixen auditorías periódicas e medidas reais de protección do ceo nocturno que deben ir máis alá da mera promoción turística.

Para a Asociación de Defensa Ambiental Salvemos Cabana non se pode converter a Costa da Morte nun escaparate de astroturismo mentres se a rodea de infraestruturas que contaminan precisamente o recurso que se quere promocionar. Por iso, se as autoridades da Xunta consideran que a comarca ten un valor excepcional para a observación do ceo, deben actuar en consecuencia protexendo de maneira significativa a paisaxe nocturna, freando a saturación eólica e aplicando unha moratoria efectiva nas áreas sensibles.

Salvemos Cabana lembra que a día de hoxe 29 parques eólicos xa están en funcionamento na Costa da Morte con máis de 450 aeroxeradores operativos, o que supón unha presión territorial inaceptable que resulta imposible de compatibilizar cun destino que se presenta como referente para a contemplación de estrelas, nunha estratexia de promoción turística na que a Xunta e a súa política enerxética proxectan mensaxes incompatibles entre si. 

(17.3.2026)